Xaime Toxo
A casa sen nós (ilustracións de Juan de la Sota)
Laiovento, 82 páxinas, 12 €, 2019
Seica existe unha casa verdadeira que Xaime Toxo habitou ou se cadra sería mellor dicir seica existe un autor, chamado Xaime Toxo, ao que unha casa habitou. Dun ou doutro xeito A casa sen nós, publicado hai escasas datas, é un libro singular, intensamente simbólico e metafórico, que non se entende, ou que sería ben distinto, sen o concurso engaiolante do fotógrafo e ilustrador do libro, Juan de la Sota.
Afeito un máis comunmente á prosa do autor -e non esquezo o magnífico Caderno do mar– este libro sorprende gratamente por varias razóns. Articulado concienciudamente como unha sorte de caderno de bitácora persoal, baliza unha singradura íntima a través de nove mareas, encadradas entre dous poemas particulares como son “Tinta negra de mensaxe” e o que lle dá o título ao libro, alén dun grupo de composicións agrupadas baixo o título “Caderno en escrita” -un verdadeiro “work in progress” que acolle o perfil máis persoal- e outro so o epígrafe de “Material de mar” a incorporar un corpus vizoso de “expresións e nomes / que forman parte da / equipaxe que arrastro”.
Esa casa aludida no título resulta operativa para desvelar, por un lado, a presenza deslumbrante dunha natureza vinculada co mar -velaí o intento de “ler nas páxinas do océano”- na mellor das tradicións dos libros de poesía vinculados co mar e penso en Miro Villar, Bernardino Graña, Xosé Iglesias, Alexandre Nerium ou Marta Dacosta por só citar algúns- e, por outro lado, deseñar ou rescatar aqueles espazos que se habitan na vida, da que se descifran os códigos que ofrece e a dimensión temporal, arredor de cuxo avance tamén se reflexiona con viveza e emoción: eis ese “criminal imperfecto/ que non acaba de liquidarme”, ese tempo que se reflicte na admonición “É imposible, compañeiros, / que non oiades o eco da pelota no patio / rebotando contra a parede do frontón”, no que constitúe, para min, unha dos poemas máis intensos e reveladores do volume.
E se de emoción falamos, A casa sen nós reescribe, dalgún xeito, a propia experiencia da voz lírica porque esta se ispe con contundencia e sinceridade xerando un libro testemuñal. Tamén dalgún xeito sensorial e que se mergulla nas identidades para desvelar o “dicionario emocional que son”. Poemas que trazan no seu ronsel memoria do vivido e do sentido para reconstruír imaxinarios alimentados polas experiencias do día a día que se espellan desde as instancias da reflexión e de intentar entender a propia vida, por veces tan feble, na que se entretece a presenza do azar como factor imprevisible que todo o pode modificar.
Convido, claro é, a abrir as portas e as ventás desta casa que Xaime Toxo nos ofrece e nos deseña “habitada por un tempo / obrigado a vivir sen nós”.