Recibín hoxe a segunda edición de Seique, de Susana Sanches Arins. Agradezo o envío especialmente porque a autora sabe que é un libro que estimo e valoro como unha das propostas máis salientables entre as que se publicaron no ano 2015, aínda que a súa repercusión inmediata fose limitada, inconcibiblemente limitada.
A tradución recente ao castelán -que foi galardoada polos Libreiros de Madrid- e agora esta segunda edición, que incorpora algúns relatos novos, mais un luminoso prólogo, como non podía ser doutra maneira, de María Xesús Nogueira, e algunhas outras novidades, confirma que estamos a falar dun libro que non dubido en cualificar como clave na narrativa galega desta década. Que siga a colleitar éxitos, lectoras e lectores.
Dúa referencias máis coas que conclúo: fermosa nova cuberta de Rosa Herraiz Cabanas por un lado e, polo outro, subliño que a autora doa os dereitos desta edición para a Asociación para la Recuperación de la Memoria Histórica (ARMH). Outra razón máis para conseguilo, lelo ou relelo.