Ledicia Costas
Conexión Macarrón (ilustracións de Laura Suárez)
Xerais, Vigo, 40 páxinas, 11,20 €, 2019
Aventúrase Ledicia Costas nesa franxa lectora que vai dos nove anos, aproximadamente, en diante, non moi frecuentada pola autora e que, como calquera outra peza creativa da escritora viguesa merece toda a atención.
Conexión Macarrón, así pois, é unha proposta narrativa, moi ben acompañada polo expresivo corpus de ilustracións que chegan da man de Laura Suárez, cuxo principal valor, que tamén entendo como un reto, é se cadra o de asumir e darlle forma unha perspectiva dunha protagonista infantil que resulte verosímil, fresca, imaxinativa e espontánea. E este é un dos seus verdadeiros méritos porque a voz de Espe, en quen descansa o eixo da trama que prefiro non desvelar, é así como se deseña, sen esquecer acompañala de altas doses de simpatía, ironía e, se se quere, un humor engaiolante.
A noveliña formúlaseme como moi precisa para avanzar na lectura en lingua galega nese tramo de idades antes amentado e faino cun texto sen chata ningunha. Alén diso explica como os escorredoiros e as escumadeiras poden ter outros usos fantásticos e poden ser, ao tmepo, magníficas cartas de presentación para promover a hospitalidade diante do descoñecido. Aínda outra razón para achegarse á súa lectura, finalmente, é que, como se sinala na conclusión desta peza tan recomendable, nos ensina que a vida tamén é “soñar e quererse moito”. Beizón, Ledicia.