O home que mercou un libro, de Paco Martín

9788491514077Paco Martín

O home que mercou un libro

Galaxia, Vigo,  104 pp., 11,70 €, 2019

 

Mercar un libro pode supor, ás veces, que ocorran cousas fantásticas, incluso pode cambiar a vida de quen o leva consigo e non quero pensar en quen o le. Isto pode ser, en suma, o que conta Paco Martín en O home que mercou un libro, publicado hai poucas datas na Editorial Galaxia.

Balizado por unhas marcas temporais que van desde primeira hora da mañá ao comezo da noite dun 23 de xuño calquera, este libro preséntanos un curioso personaxe como é Aníbal:  unha persoa nova con certo aire desganado e carente de expectativas, ata que, dun xeito casual, entra nunha libraría e merca un libro na cidade de Pontevedra.

Desde ese momento amoréanse situacións un tanto curiosas e singulares -que tan ben domina literariamente Paco Martín- e que se derivan do feito de ver ao protagonista cun libro na man e que van desde a celebración de súbitos recitais poéticos, pasando por conseguir que Aníbal acade certa complicidade cos seus pais ao resolver un asunto familiar ata ver na rúa unha moza que toca o violonchelo coa que establece unha especie de conexión ou alguén que sabe do universo da impresión afirme que “non ousaría eu dicir que os libros están vivos polas palabras que os compoñen, pero pódeme crer que non lles falta moito”.

Ter o libro na man, amosalo, abre portas inimaxinables coma se se tratase, e é bonito acreditalo,  dun anel máxico de efectos marabillosos e, de feito, alberga ese poder de poder intervir no devalar das cousas e das persoas. A axilidade narrativa, a fluidez deste libro e ese pouso da oralidade que tanto e tan ben caracteriza a obra de Martín fan desta propostas un verdadeiro galano que foi unha sorte ler.