Carrusel, de Berta Dávila

Carrusel b dávilaBerta Dávila

Carrusel

Galaxia, Vigo, 128 páxinas, 14,70 €, 2019

 

Puiden ler, por circunstancias que non veñen ao caso, Carrusel hai xa algún tempo, galardoada co Premio García Barros na súa última edición. Na primeira lectura revelóuseme como unha proposta de tal forza que ao pouco de entrar nela resultaba difícil deterse a non ser para espremer e gorentar algúns fragmentos diante dos que é difícil manterse indiferentes. A autora aposta por gañar a complicidade de maneira efectiva e suxire con sutileza un pacto que facilita o encontro co inesperado e o sorprendente. Nun segundo achegamento, máis alá do fío argumental que representa esa escritora en crise creativa que quere reformularse moitos extremos na súa vida, ficaron á vista aspectos ocultos que, a meu entender, converten esta proposta nun dos grandes libros do ano que conclúe.

Non é doado construír unha novela adoptando unha perspectiva en primeira persoa: o recurso, como é ben sabido, ispe a quen o fai seu. O matiz confesional encerra moitos riscos mais Carrusel supera todos eles ao alimentarse con honestidade cos fíos da vida -procedan de onde procedan, veñan para marchar ou quedar- ganduxados con efectividade para construír un universo cunha vocación de perdurabilidade como demostran os seus moitos matices onde a ficción do eu e, por veces, iso que se chama  metaliteratura outorgan solidez ao conxunto.

Carrusel enfróntase a tabús pouco ou nada asediados literariamente, reflectidos no personaxe do tío Carlos e no da propia voz narradora que encerra, alén do ir e vir dos seus pensamentos, do que relata e mesmo posiblemente do que oculta, un dos valores deste libro, isto é, esa adecuación brillante do rexistro expresivo que trascende a páxina escrita e que posibilita ese xirar, sen pausa, arredor de si, sen intencións moralizantes para (re)construír a memoria que é cicatriz: un “elefante branco” que se conserva malia todo o que arrebatou. Quen lea a novela entenderá, plenamente, a afirmación.

IMG_20191206_100431.jpg

 

Esta recensión publicouse nas páxinas do suplemento Fugas, de La Voz de Galicia, o 6 de decembro de 2019, na sección “Ex umbra in solem”.