Vitamina N. Guía esencial para unha vida rica en natureza, de Richard Louv

cuberta VITAMINA N.inddRichard Louv

Vitamina N. Guía esencial para unha vida rica en natureza (tradución de Carlos Acevedo)

Faktoría K, Pontevedra, 320 páxinas, 17 €, 2019

 

Tras A Torre e Corredoira, avanza a colección Vitamina N, que acolle o selo pontevedrés Faktoría K, cun título homónimo ao da serie -dirixida por Antonio Sandoval Rey- e subtitulado “Guía esencial para unha vida rica en natureza”; un orixinal do escritor estadounidense Richard Louv, en tradución ao galego a cargo de Carlos Acevedo.

Tal e como se avisa é esta unha guía, coas características propias do xénero onde se formula unha idea interesante e suxestiva como é a do achegamento á natureza como filosofía de vida. Así pois o libro percorre, a través de oito capítulos, que contan ademais cunha rica información engadida en forma de bibliografía e webgrafía, poñer en práctica o descubrimento ou redescubrimento do que a natureza posúe e nos ofrece mesmo con fins de carácter terapéutico, mais non só pois é difícil non atopar aquí un recurso, unha actividade, unha posibilidade para ollar aos espazos naturais de maneira diferente, e especialmente suxestivo entendo o capítulo “A escola da natureza”.

No limiar do libro Louv dá conta de como o contacto, respectuoso, coa natureza resulta operativo para “mellorar a saúde mental e psíquica, para estimular a aprendizaxe, a creatividade e a sensación de estar completamente vivo”. En efecto, nestas páxinas apunta que as experiencias na natureza só poden ter beneficios como psicólogos, expertos en saúde pública, docentes e pedagogos ou políticos, entre outros, veñen afirmando. Benvido, pois, este Vitamina N, de Natureza, claro é.