Mariann Máray
O can de Milu (tradución de Manuela Rodríguez)
Kalandraka, Pontevedra, 32 páxinas, 14 €, 2019.
Galardoado na décimo segunda edición do Premio Internacional Compostela para álbums ilustrados, O can de Milu, da autora húngara Mariann Máray constitúe unha proposta onde as extraordinarias ilustracións, raianas coa estética naif, ensamblan á perfección cun discurso narrativo sinxelo, marcado en primeira instancia por certo humorismo mais que axiña xira arredor da temática do amor, absolutamente incondicional, dunha nena cara aos animais, que erixe ao tempo un canto cara ao respecto á diferenza para concluír coa ollada posta na liberdade, alfa e omega para un libro marabillosamente suxestivo.