Agosto, de Míriam Ferradáns

79808991_2883848748292081_310038734022115328_oMíriam Ferradáns

Agosto

Apiario, A Coruña, 24 páxinas, 12 €, 2019

 

Difícil resulta saír indemne, ou cando menos indiferente, tras a lectura desta memorable plaquette que edita Apiario baixo o título de Agosto.  Míriam Ferradáns, voz que admirabamos desde o seu Noites de fume, practica un exercicio de esencialización, de estilización poética tamén, para ofrecer un testemuño de perda e ausencia que xira arredor do baleiro inesperado pero posible.

Agosto constrúe, ou reconstrúe, unha historia de claro signo narrativo que se manexa con solvencia, teño para min que con brillantez, con algúns símbolos -os tulipáns, a terra, os corpos…- que aos poucos van cobrando doloroso sentido, coma se nacesen desde unha atalaia que é a da contención, desde o propio silencio. É así como os poemas posibilitan que percorramos camiños empedrados con laxes de contida emoción, con imaxes que golpean e prenden.

Agosto demanda unha lectura inicial en que a complicidade enraíza palabra a palabra; a segunda é posible que suxira detalles e dimensións antes inadvertidas e nunha terceira aflora a intensidade que encerra e que, particularmente, me conduce a valorala como unha proposta con indiscutible vocación de permanencia, desas que cimbran e resultan duradeiras na memoria.