Veleno en familia, de Rocío Leira

veleno_familiaRocío Leira

Veleno en familia

Baía, A Coruña, 160 páxinas, 12 €, 2019

 

Tras diversas achegas ao xénero poético –Obituario e INEM, ambas publicadas no ano 2016- e outras centradas na literatura infantil e xuvenil –Universo Pitágoras (2013) e O bicho que quería comer á avoa (2015)- a escritora ceense Rocío Leira ofrece arestora a súa primeira incursión na narrativa para un público adulto baixo o título de Veleno en familia, finalista no I Premio de Novela Vilar Ponte que organiza o Concello de Viveiro.

É esta unha proposta que fai descansar o seu argumento no desenvolvemento dunha historia  de amplo espectro construída en función do comportamento duns personaxes que conviven á forza nun contexto marcado polas dificultades, pola miseria moral mais tamén pola práctica da violencia verbal e física, onde nada é o que parece tal e como se resolve á súa conclusión. Quizais sexa aí onde radique un dos seus elementos de maior interese, a carón -sería inxusto non amentalo- do emprego dun rexistro lingüístico de filiación popular e oral que imprime dinamismo e que, ao tempo, concede indiscutible verosimilitude a cada un dos personaxes.

As voces que protagonizan este libro resultan, así pois, sólidas na súa concepción e diferentes entre si: os fíos que unen e afastan a Dosinda, unha anciá de perfil egoísta que distorsiona a realidade debido aos seus problemas de memoria, de Carme, a súa filla, e de Ramón, o seu xenro, ténsanse coa aparición de Rosa Mari: sobriña de Dosinda e cuxas expectativas xiran arredor do culto ao corpo, as compras compulsivas e a necesidade de saír dun contexto social abafante. Pero hai máis neste libro pois non se pode obviar a ollada que se deita ao máis pezoñento que pode reservar unha relación familiar onde se focaliza a atención nos abusos de toda índole que sofren as mulleres, aquelas que levan unha vida coma “unha roda de muíño, sempre o mesmo virar”; aquelas que, no fondo, reaccionan contra a culpabilidade inoculada e a inxusta e secular submisión.

 

Esta recensión publicouse nas páxinas do suplemento Fugas, de La Voz de Galicia, o 20 de decembro de 2019, na sección “Ex umbra in solem”.