Vicus, de Beto Luaces

978841770263Beto Luaces

Vicus. Un lugar aquelado

Bolanda, Santiago de Compostela, 376 páxinas, 19 €, 2019

 

Lera, hai algún tempo, a primeira das entregas da triloxía Vicus -a publicada baixo o título Un lugar do común– do escritor Beto Luaces: unha proposta narrativa que callou e obtivo un palpable recoñecemento no público lector a través, paréceme, do “boca-orella” que, por veces, obtén mellores resultados ca unha calculada campaña de mercadotecnia.

Ao fío do primeiro título apareceu xa nas librarías hai algúns meses a continuación do anterior: Un lugar aquelado, volume do que se pode facer unha lectura independente aínda que, probablemente, esta poida sustentarse mellor de coñecer o seu precedente pois entre as dúas novelas circulan, como é natural, conexións, isto é, fíos temáticos que se estenden e personaxes xa deseñados que van adquirindo agora novos matices.

Beto Luaces, así pois, intérnase por unha trama que se podería encadrar ao abeiro da novela negra da que terma, nesta ocasión, un singular investigador e ex-policía chamado Manuel Peixoto a quen se lle encarga o esclarecemento dun caso de asasinato que se cometeu na persoa dun coñecido industrial vigués do mundo da conserva. Unha trama ben conducida, ao meu ver, ata o desenlace final e na que convén destacar é todo aquilo  que atinxe á recoñecible presenza da cidade de Vigo como fondo, e protagonista tamén, desta novela a carón doutro espazo que o autor pon en valor como é o da Serra do Suído: xa presente na súa anterior entrega e que aquí, talvez, adquire unha dimensión máis suxestiva como testemuñan unhas memorables e vibrantes páxinas como as centradas no Foxo do Lobo da devandita serra, entre outras. Mais non só os espazos son relevantes nestas páxinas pois ocupa, igualmente, un papel salientable a pegada do mundo xudaico, a carón das abondosas referencias metaliterarias e, asemade,  o mundo da emigración que latexa aquí e acolá como unha constante non só histórica senón actual. Agardamos xa, para o 2020, un afortunado peche desta triloxía.

 

Este artigo publicouse na sección “Ex umbra in solem “nas páxinas do suplemento Fugas de La Voz de Galicia, o 27 de decembro de 2019.