Arte e escritura na Galicia medieval, por Anselmo López Carreira

XG00300501.jpgAnselmo López Carreira

Arte e escritura na Galicia medieval

Xerais, Vigo, 176 páxinas, 12 €, 2019

 

Despide o ano o Caderno da crítica cunha breve referencia a un pequeno, e clarificador, ensaio que vén da man do profesor Anselmo López Carreira. Trátase de Arte e escritura na Galicia medieval que cualifico como unha gorentosa peza divulgativa que afonda, con solidez, nese conxunto de tópicos que perviven no ámbito historiográfico centrados na nosa cultura medieval e en como esta foi interpretada ao longo do tempo.

López Carreira adopta, ademais, un discurso narrativo lexible e fluído que fai deste traballo un libro recomendable para calquera persoa e, sobre todo, para todas aquelas interesadas en informarse e formarse sobre a nosa arte e escritura da época medieval. Deste xeito, abórdase a relevancia que posúe a negación da existencia dun Reino de Galicia independente: algo propicio para xerar unha atmosfera de confusión que sostén interpretacións que se foron reiterando como un mantra nos estudos historiográficos e que contribúen ao descoñecemento e á explicación desenfocada no noso pasado medieval. Tal foi, segundo o ensaísta, o que ocorre coa invención do chamado Reino de Asturias, en detrimento da consideración histórica dun reino propio suevo, diluído á mantenta, e alimentando a existencia dun marco histórico manipulado mais operativo para historiadores da arte e medievalistas. Argumenta o autor o testemuño da existencia de arcos de ferradura visigóticos en Galicia xa antes da implantación deste reino, aborda a cuestión das denominadas cruces asturianas e a falsidade da denominación “letra visigótica” -herdeira da romana- para se referir ás grafías anteriores ao século VIII cando este reino xa non existía. A perpetuación dunha interpretación exclusiva destes conceptos vinculada co reino asturiano enténdese, así pois, como un exercicio que pretende asociar ao visigodo todo o que teña que ver coa uniformización política e coa vinculación entre o este último e o astur-leonés.

Recomendo a lectura deste ensaio, de moi accesible lectura, pois contribúe a entender o noso pasado cunha óptica sólida, científica e propia.