Xabier Xil Xardón
O contaxio (fotografias de Pablo Kaufmann e Miriam Rodríguez)
Urutau, Pontevedra, 80 páxinas, 12 €, 2019.
Xil Xardón, alén de varias pezas poéticas publicadas anteriormente, pertence ao colectivo Fiinda, a carón de Pablo Kaufmann e Miriam Rodríguez, responsables estes últimos do corpus fotográfico que acompaña, ou mellor sería dicir sostén visualmente, O contaxio. Fiinda articula un traballo de experimentación coa videopoesía, mesturando materiais visuais, sonoros e verbais con resultados realmente magníficos, sempre suxestivos.
O contaxio, así pois, é un libro onde podemos atopar algúns dos textos que serven para a construción audiovisual mais, ao tempo, revela ou asenta unha voz acaroada á imaxe visionaria que se presenta en catro partes en aparencia diversa pero loxicamente anoadas entre si. Velaí como “2017”, o primeiro bloque, presenta unha voz que articula un diálogo cara a unha segunda persoa que xa revela a importancia concedida ao territorio, á incomunicació, á derrota, ao estigma e ao paso do tempo, trazo este último que enchoupa, dalgún xeito, a totalidade do libro. “O país do tendido eléctrico” é onde xorde con maior convicción, ao meu ver, esa filiación visual e impactante de moitos poemas do autor que convidan de xeito espontáneo a reconstruílos mentalmente con imaxes e que contaxian certa visión abatida que repara no tanxible da ausencia. “Cabalos”, a terceira parte, recrea textos de corte máis confesional onde a preocupación repousa na relevancia de nomear, de nomearse a si mesmo -“O meu nome vive na repobación da nada, que é un contaxio”- para concluír coa sección “Ensanche” onde a ollada volta a atrás, onde se mestura a metáfora afortunada da primeira cavidade do estómago dos ruminantes cunha atmosfera urbana, coa lingua, coa linguaxe, co cabalo do monte desbocado cheo de ira e a memoria revelada nese magnífico poema que comeza “O texto quere corpos anoados ás serras da contorna”.
Di con acerto Silvia Penas, nunha columna introdutoria ao volume e reproducida nas lapelas, que aquí “a vertixe precede ao pronunciable e adquire un poder que transcende a materia e contorsiona cara ao abismo”. En efecto, O contaxio asómase á vertixe e ao abismo e faino cunha voz persoal con acento de seu. Convido a coñecelo.