O amor non se fala soamente, de Vicente Araguas

davVicente Araguas

O amor non se fala soamente

Medulia editorial, A Coruña, 43 páxinas, 12 €, 2019

 

Retorna Araguas ao primeiro plano da actualidade poética e faino cun libro publicado requintadamente pola coruñesa Medulia editorial, nunha edición enriquecida con ilustracións de cuberta e interiores a cargo de Manuel Patinha.

“En Compostela está o que perdemos //
e vai nacendo noutros i esto é o grande milagre” afirmaba Ferrín, escribindo con pólvora e magnolias nas mans, no seu día. Nace neste libro, outra vez, a memoria do universo vivencial e experiencial que supón aquel mes de maio do ano das revoltas estudantís pois non en van avisa no subtítulo do libro que hai unha liña de preocupación situada no “ronsel do 68”. É este, así pois, un libro marcado, talvez, por dous eixes como resultan, por un lado, a proxección do que se evoca con limpeza e transparencia a través das vivencias persoais e intimistas, mais dalgún xeito colectivas para toda unha xeración, experimentadas naqueles anos: un tempo que é “luz, tambor, bandeira” en que o tamén o autor chega a Compostela. Polo outro salienta con forza o pouso imperecedoiro que deixa o amor, dalgún xeito tamén a revolución sexual, suturada no medio e medio daquelas vivencias de mocidade.

Enriquece Vicente Araguas, non o dubido, a súa propia traxectoria poética con este novo libro. Convido a que se coñeza.