O ceo das reixas, de Eli Ríos

O ceo das reixas.jpgEli Ríos

O ceo das reixas

Xerais, Vigo, 80 páxinas, 14,85 €, 2019

 

O ceo das reixas, de Eli Ríos, é unha novela intensa e desacougante que, malia aparecer no mercado hai algún tempo mais sometido este como está á ditadura da novidade perentoria, teño para min que nunca é tarde para ocuparse dela.

Ríos, que xa deixara boa mostra do seu estro narrativo con Luns e Remexido de patacas entre outras obras, achégase aquí ao relato das vivencias de dúas mulleres recluídas no cárcere, cunha ollada que nace do interior dos módulos, isto é, desde dentro das propias protagonistas cun discurso en que aplica un punto de vista no que conflúe, por unha banda, unha visión de reivindicación feminista e, pola outra, unha ollada de carácter ecoloxista.

Trala exposición do universo vivencial de cada unha das mulleres que, como capas ou estratos, van sobrepoñéndose con afán de continuidade desde o punto de vista da interlocutora que está detrás de cada discurso, van debullándose as causas da reclusión  de Noelia e Fina: mulleres distintas pero, dalgún xeito cómplices a través da sororidade e da vontade de empoderamento. Desde aí irán confluíndo en posicións e actitudes, a pesar de problemas de liderado, ata chegar a fundirse e vincularse estreitamente cando se anoa con solvencia un fío argumental representado na personaxe de Puri, que semellaba solto desde comezos da novela.

Unha proposta moi traballada no que se refire á atmosfera ofegante e dura que enchoupa cada páxina, ao verosímil idiolecto carcerario e á riqueza fraseolóxica exhibida, sen esquecer todo o que ten que ver co perfil humano e psicolóxico das personaxes que deriva, inescusablemente, nunha reflexión sobre os conceptos de despersonalización, de violencia, liberdade e  opresión, todo exposto como é norma na autora de maneira directa e rotunda, sen adobíos nin retóricas de ningún tipo mais sen esquecer, cando cómpre, insinuar lecturas simbólicas que, sen dúbida,  a enriquecen e matizan.

 

Esta recensión publicouse na sección “Ex umbra in solem”, do suplemento Fugas de La Voz de Galicia, o 3 de xaneiro de 2020.