Antón Mascato
Atila no Grove
Positivas, Santiago, 184 páxinas, 22 €, 2019
Hai catro anos tiven a sorte de compilar unha serie de artigos de Manuel Lueiro Rey que titulei Novas crónicas dunha transición intransixente na liña dun volume de semellante fasquía que o autor de Manso publicara tempo atrás. Afirmo isto porque para min supuxo unha satisfacción que este libro, cocido a lume manso pois non é difícil conxecturar o enorme traballo de investigación e documentación que atesoura, recoñeza, desde o seu título, unha voz comprometida do Grove que experimentou a persecución en carne propia e que , ademais, rescate o título dun artigo de Lueiro incluído naquel volume, que era tamén era o proxecto dun libro infelizmente non nato.
Mascato, así pois, neste Atila no Grove, subtitulado “Crónica política e Memoria da masacre (1923-1948)”, analiza un período histórico especialmente convulso desde a perspectiva de facelo nun lugar en que “toda a maldade posible vivímola entre nós”, antes e despois do ano trinta e seis en forma de inmolados, paseados, sacas colectivas, fuxidos -tamén por mar como simboliza o caso do barco “Nuevo Endem”, presos en campos de concentración, abusos, exiliados…
É este un libro valente que fai xustiza á memoria das vítimas e que fala sen censura das persoas que exerceron a represión e daquelas que a sufriron. Percorre, así, documentalmente todo o que se quixo esquecer para revelar con transparencia as claves dunha espiral de violencia programada. O ensaio de Mascato tráenos ao presente capítulos arrepiantes e crueis como caso de Paco García Moldes cando, xa case dez anos de rematada a guerra, resulta asasinado nun bar do Grove ou a execución, nese mesmo ano, de Enrique Ferreirós.
O feito de que a pouco máis de un mes da súa aparición este libro goce dunha reimpresión é unha noticia que revela o inequívoco interese que suscita un traballo deste carácter, realmente modélico e valioso, peza necesaria para ir reconstruíndo a memoria.
Este texto publicouse no suplemento Fugas, de La Voz de Galicia, o 17 de xaneiro de 2020, na sección “Ex umbra in solem”.