Novoneyra (1930-2020): “construír nun puño”

uxioUxío Novoneyra ocupa nesta bitácora unha atención substancial e non é necesario explicalo. Hoxe estaría -está- de aniversario: 90 anos e a memoria da tribo, tamén da casa familiar de Parada, en Seoane do Courel, sente a súa ausencia.

Sempre que pode o #Cadernodacrítica recorda unha voz e unha presenza -aínda tanxible- como a súa e, desta vez, trae aquí unhas breves declaracións inéditas do autor dos Eidos que subscribiu en “O Caurel / marzal / 69”. Trátase dun documento mecanografado que Novoneyra remitiu ao profesor Alonso Montero como parte integrante dun non-nato Dicionario da Literatura Galega. Organizado aquel proxecto nunha parte inicial a xeito de enquisa,  Novoneyra responde á primeira pregunta – ¿Qué escritores –galegos ou de fóra– influíron máis en vostede?- con brevidade, sintetizando as claves dunha postura receptiva heteróclita e plural para construír sumando e “en puño”, en acertada e feliz expresión.

Todos e todo me influíu, dende o alalá ó jazz, dende o dito popular á palabra disgregada dos ismos, anque a podente, longa presencia do Caurel o oculte. Prendeume sobre todo a estremosa intensidá comesta ou rota en golpe único, expresión dun pobo intenso e inibido. Elo obrou ise xeito de construir “en puño” que agora teimo deixar.