Centenario de Gianni Rodari

portada.inddEncamiñámonos ao centenario do nacemento de Gianni Rodari que terá lugar o día 20 de outubro deste ano. Rodari, voz sempre crítica, deixounos un legado pedagóxico de grande altura, en parte recollida na súa célebre Gramática da fantasía, mais tamén unha obra de creación insubstituíble.

Lembrei esta efeméride pola recente reedición de Que fai falta?, que Kalandraka puxo en circulación estes días. Hai dez anos deixei a miña impresión da lectura deste título. Recupero aquí un fragmento daquela e alégrame ver circulando, de novo, esta pequena alfaia.

O texto literario, debedor desa estética que xunta divertimento con didactismo, cun desenvolvemento sinxelo en aparencia e alicerzado no proceso dedutivo, vai gradual e circularmente avanzando en función da presenza e a orixe dun obxecto de carácter cotián, seguindo o criterio da brevidade e rodeado sempre de certo arrecendo lírico. E é aí, nesa función poética onde se cadra descansa tanto o fantástico valor do libro como a explicación de que debería ser lido ou visto máis que descrito, pois o que suxire excede con moito o que realmente conta. Proben.