Os corpos invisibles, de Emma Pedreira

Os corpos invisiblesEmma Pedreira

Os corpos invisibles

Xerais, Vigo, 208 páxinas, 12,30 €, 2019

 

Lin hai algún tempo Os corpos invisibles, novela coa que Emma Pedreira gañou o premio Jules Verne de Literatura Xuvenil, e a primeira sensación que percibín é que esta era, probablemente, unha das grandes achegas ao xénero entre as publicadas no ano pasado.

Imposible non ver neste libro un máis que solvente traballo de documentación para transparentar, con efectividade mais sen deixar ver as costuras da súa composición, a atmosfera do Londres da Revolución Industrial  e da cultura vitoriana, obxectivo operativo para deseñar unha historia na que se anoan os fíos que poden unir unha rapaza chamada L.C., traballadora dunha fábrica téxtil, cunha muller que responde ao nome de Prometea Stoner e que pertence á alta sociedade londiniense. E eses fíos pasan, inexcusablemente, por exhibir o contraste das súas vidas mais, sobre todo, por amosar a vontade irredutible que as conduce a ser elas mesmas: unha desde o anonimato e o proletariado, outra desde a obsesión de reclamar a atención negada a voces que o mereceron.

Pedreira, así pois, constrúe unha historia que ofrece máis do que en primeira instancia pode semellar. Os corpos invisibles é, no fondo,  unha reivindicación, peneirada e alimentada por múltiples homenaxes literarias, do que no libro se apunta como o “doce veleno do coñecemento”, isto é, do saber máis deses corpos borrados da historia e da memoria que, nun suposto imaxinativo, se queren recompor para articular unha criatura nova, como fixo Mary Shelley e que axuda a revisitar o mito de Prometeo desde outra perspectiva.

“Cando ser muller é unha discapacidade”, apúntase nesta vertixinosa proposta de ficción, e un pensa na fortuna de ler libros coma este que nos aprenden que a literatura é quen de conseguir que os corpos sexan, coa palabra, máis visibles. Un libro, por certo, moi ben escrito, que proxecta unha luz militante para saber máis e que derruba arquetipos. Non é pouco.

 

Esta recensión publicouse na sección “Ex umbra in solem” das páxinas do suplemento Fugas, de La Voz de Galicia, o 24 de xaneiro de 2019.