Náufragas, de Elisabeth Oliveira

beth_capaElisabeth Oliveira

Náufragas no mar e na terra

Urutau, Pontevedra, 54 páxinas, 12 €, 2019

 

Elisabeth Oliveira publicou hai uns anos Poesis, unha orixinal achega plurilingüe, á que agora se suma Náufragas no mar e na terra: un libro de poemas marcado por dous elementos que o cruzan nas dúas partes en que se estrutura: a necesidade de evidenciar o papel que a historia deparou, e depara, á muller nunha ollada diacrónica e sincrónica por unha banda e, pola outra, erguer unha voz reivindicativa que evidencia a realidade cotiá que rodea á muller migrante, aínda que non só, simplemente por selo sen esquecer os devezos de simple supervivencia que, en tantos casos, abrazan sen poder conseguila.

Paira nas páxinas deste libro, inserido na tradición de poesía comprometida, unha vontade de remexer conciencias, de non esquecer, de abrazar a sororidade. Tamén é un exercicio de observación e solidariedade exposta desde a palabra destinada a romper a invisibilidade. Unha proposta para reparar en todo aquilo que non queremos ver, cunha invitación final a romper barreiras, sexan estas da orde que sexan.