Ninguén coma min, de Ignacio Chao e Eva Sánchez

cuberta NINGUEN.inddIgnacio Chao

Ninguén coma min (autobiografía dun tirano), (ilustracións de Eva Sánchez)

Kalandraka, Pontevedra, 36 páxinas, 15 €, 2020

 

Agrádame constatar o retorno ao ámbito das publicacións de Ignacio Chao, editor transterrado, poeta, crítico e tradutor. Nesta ocasión faino a través dun álbum ilustrado orixinal titulado Ninguén coma min, que recibiu unha mención no XI Premio Internacional Compostela de álbum ilustrado.

Reza, no seu subtítulo, autobiografía dun tirano e, así é. O  texto de Chao xoga, dalgún xeito, co modelo dunha fábula peculiar pragada tamén de ratos, raposos ou monos dalgún xeito personificados, de maneira que nun país recóndito, poboado por porcos -inevitable non pensar, aínda que noutra clave, no “porco de pé” risquiano- un elixido fala en primeira persoa. Gábase, claro é, e cheo de soberbia e egocentrismo, do poder omnímodo que exerce e da súa vida regalada e única. Ao tempo, di non falar xa “as palabras da tribo” nin atender a ningunha cousa que non sexa do seu único e exclusivo interese. Velaí, así pois, o perfil dunha sorte de “novo César”: un megalómano pechado nun mundo pragado de desvaríos que, contra o semella, resiste tras os ferros dunha prisión dourada tal e como exhibe o sorprendente xiro final desta historia, operativo para converter todo o discurso do tirano nunha gran e delirante mentira, no fondo unha parodia que se devora a si mesma, talvez, para sempre volver comezar.