Carlos Da Aira
Prender os fachos, compoñer os ósos
Espiral Maior, 52 páxinas, 13 €, 2019
Chego á poesía de Carlos Da Aira a través deste libro, galardoado no Premio Cidade de Ourense no ano 2018 baixo o título Prender os fachos, compoñer os ósos. Nun prólogo que subscribe o poeta e profesor Claudio Rodríguez Fer apunta que este é un libro “simbiótico dun poeta simbiótico” e, sen dúbida, leva razón: hai nestas páxinas un exercicio de simbiose, de onde se tira sempre un proveito mutuo, insinúase un camiño que pon en xogo, ou expón, unha fervenza de realidades contrastradas, as máis das veces -talvez- experimentadas, que abalan entre o propio e o de fóra, entre o universo rural e o urbano, entre o privativo e o que abrangue unha dimensión social, á que se lle presta moita atención neste libro.
O libro parte, talvez, da escrita desde unha instancia en que se admiran “as paisaxes distópicas do retorno”, atalaia que ofrece unha perspectiva profunda, desemellante e ricaz, tan palpable, por outro lado, no brillante xogo metáforico que atesouran todos estes poemas.
Ábrese a entrega cunha espléndida, simbólica e polimórfica, visión dun canastro abandonado que inicia, deste xeito, un discurso pragado de interrogantes e cuestionamentos, tantas veces formulados á persoa lectora á que se lle convida, en inmanencia, a participar neles. Os poemas, que arrastran ruídos e sons, tamén silencios, donos dunha evidente intensidade climática, percorren estratos da nosa propia identidade, percíbense coma se fosen propostas telúricas e acaróanse a certo panteísmo natural, quebrado polo radon, polo ácido lisérxico ou o mercurio. Tamén se detén nos sendimentos culturais que nos constrúen; por veces cuestiónanos sobre o paso do tempo ou sobre a memoria comunal; atende asemade á realidade do despoboamento rural e ao desinterese que xera a cultura en xeral e tamén o desleixo ao que se somete a nosa lingua. O libro recórdanos as “loitas que nos restan por librar” e os motivos “polos que as debemos gañar”. Non é pouca cousa.