Birimbao, de Celso Emilio Ferreiro

BirimbaoCelso Emilio Ferreiro

Birimbao

Xerais, Vigo, 216 páxinas, 18,80 €, 2020

 

Corenta anos despois do seu falecemento, Celso Emilio Ferreiro segue a darnos sorpresas en forma de achados literarios o que constitúe, sen dúbida, unha moi grata noticia.

Neste caso é Xavier Ferreiro que nos ofrece un paso adiante na difusión do corpus poético global do poeta de Celanova e unha expresión do que sinala en formulación feliz “a fin da irmandade”.  O rescate que conforma este libro, ideado polo propio autor no tempo da súa redacción mais arrombado no esquezo polo paso do tempo e as circunstancias históricas, ilumina un territorio bretemoso e cheo de interrogantes como era, ata o de agora, o do cultivo poético de Celso Emilio nos tempos de guerra.

Birimbao, así pois, testemuña o pulo creador do seu autor, agarimado aínda en circunstancias adversas con poemas que se debruzan nas vivencias esgazadoras do conflito bélico, alén de recrear outros motivos que resultan claves, desde agora, para examinar con outra perspectiva a súa propia obra poética.

O editor abraza, así, unha división tripartita de todos os poemas rescatados baixo as epígrafes “Poesía de parapeto”, “Birimbao, poemas de mi para ti”, homónima daquela que lle confire o título a esta compilación,  e “Memoria de mis caminos”, con dous poemas, cando menos, sorprendentes como son “Saraojimi Naidu”, en recoñecemento á traxectoria da escritora feminista india e o poema titulado orixinalmente “Franco”, logo modificado por “Lenin” para esquivar posibles consecuencias no contexto bélico en que o ideou e escribiu.

O volume, ademais, complétase con prosas inéditas da época, un amplo corpus de notas aos poemas, a transcrición dun bo número de documentos incluídos no libro -tarxetas postais, cartas e artigos-, alén de fotografías e outros textos incorporados nun xeneroso apéndice que fan deste Birimbao, ao meu ver, un verdadeiro acontecemento editorial porque avivece ese lume que alampea e que xamais veremos morto.

 

Esta recensión publicouse na sección “Ex umbra in solem” das páxinas do suplemento Fugas, de La Voz de Galicia, o 31 de xaneiro de 2020.

1 Comment

Os comentarios están pechados.