A biblioteca de Pedagoxía

79153958_1047541495592333_6143881301666562048_oAcollen hoxe as páxinas de Cultura de La Voz de Galicia un artigo sobre a Biblioteca de Pedagoxía, da Editorial Kalandraka, para o que contei coa colaboración do director da mesma, o profesor Antón Costa. Deixo aquí a versión definitiva desta colaboración para todas as persoas interesadas.

A pedagoxía defínese tradicionalmente como a capacidade para ensinar ou educar; tamén como unha ciencia que se ocupa da educación e do ensino, isto é, do proceso de formación dunha persoa. Teño para min que algo relevante a ter en conta nestes tempos ao que sen dúbida axuda o acceso a textos clásicos e contemporáneos desta ciencia. Para facelo na nosa lingua, con rigor, didactismo e espírito crítico existe a colección “Biblioteca de Pedagoxía” que publica a editorial Kalandraka baixo a dirección de Antón Costa Risco,  catedrático de Teoría e Historia da Educación. Un proxecto que, ademais, foi galardoado o ano pasado co premio á mellor Iniciativa bibliográfica na cuarta edición da Gala do Libro Galego.

A colección -herdeira de propostas illadas que viron a luz hai anos e que deron a coñecer textos de Freinet, Rousseau,  Luis Bello, María Barbeito ou Dewey- acolle, ata o momento e en pouco máis de cinco anos, un total de dez títulos irmandados polo concepto de “pedagoxía innovadora” como testemuñan os ensaios subscritos por Francesco Tonucci, Jean Piaget, Maria Montessori, Paulo Freire, Lev Vigotski, Philippe Meirieu, Célestin Freinet, a magnífica Carta a unha profesora da Escola de Barbiana ou unha recente proposta que incorpora unha referencia de investigación galega a cargo de Salvador Cidrás e Vicente Blanco, titulada Educar a través da arte.

Para Antón Costa a existencia da colección supuxo un desafío para o que se escolmaron textos e documentos acaídos de cara a acadar o que denomina unha “formación lenta”, individual e comentada que promova, asemade, “unha educación crítica, activa e democrática”. Neste sentido afirma que os libros de Tonucci resultaron un verdadeiro talismán, ao que se sumaron algunhas reimpresións de diversos títulos, e agarda pola incorporación de obras de Mario Lodi, Jerome Bruner ou Elise Freinet: “Depositei moita confianza en Meirieu, porque é moi do noso tempo, e a ver se antes dun ano puideramos contar con el en Galicia”.

Un dos elementos que lle outorgan certa singularidade a cada un dos libros que compoñen a colección é que, alén da tradución, todos e cada un deles gozan, inicialmente, dun texto de presentación breve que presenta o autor e a edición,  e un corpus de notas a rodapé que, dalgún xeito, contextualizan e clarifican cuestións de carácter histórico ou conceptual “dando conta, ademais, da presenza dese autor ou autora en Galicia, da súa posible incidencia entre nós e, dado o caso, as singularidades derivadas das lecturas que se fixeron ou dalgunha experiencia concreta que se desenvolveu aquí”. As persoas que se responsabilizan da introdución ou no seu caso do epílogo son especialistas cualificadas. Ao respecto, Costa indica que nalgúns casos “hai que buscar especialistas fóra de Galicia”, ao que engade que “o actual sistema universitario, e tamén nas Ciencias da Educación entre nós, condiciona o empobrecemento intelectual de quen exerce como docente universitario máis do que se poida pensar”.

Costa valora a experiencia positivamente: “foi unha aposta de Kalandraka que eu agradezo moito, porque a min en particular me permite desenvolver un soño”. Non esquece manifestar, asemade, a dificultade que supón a visibilización, tamén no ámbito universitario “onde abunda máis  inoportunamente o silencio e a ausencia…, coa que hai que pelexar militantemente”. E malia a presenza dos títulos nas bibliotecas universitarias de Ciencias da Educación en Galicia, apunta o interese que debería suscitar nos sindicatos de docentes: “case todos insensibles, agás casos puntuais”.

En breve agárdanos xa o ensaio Experiencia e educación de John Dewey, con tradución de Manuel Vieites e epílogo de Jaume Martínez Bonafé, profesor da Universidade de Valencia, e outros títulos que enriquecerán xa non só a colección senón, dalgún xeito, o patrimonio de textos traducidos de orientación pedagóxica en Galicia. Un paso adiante para formarse e para educar.