Dende Finlandia con amor, de Roman Schatz

dendefinlandia_webRoman Schatz

Dende Finlandia con amor (tradución de Tomás G. Ahola)

Esplanadi, Cangas, 104 pp., 14 €, 2019

Rinoceronte Editora botou a andar, hai pouco tempo, unha nova colección baixo un título tan helsinquiniano como é “Esplanadi”. Entre as catro publicacións que alimentan esta serie atopamos Dende Finlandia con amor que verniza con ironía, xa desde o propio título, unha proposta moi particular dun escritor alemán –Roman Schatz– que conta coa experiencia de moitos anos de estadía en Finlandia.
O libro preséntase como unha serie de breves ensaios que, nun ton amable e a cabalo entre a memoria persoal e a crónica despreocupada, sistematiza unha interpretación moi persoal do que é para o autor Finlandia e as súas xentes. O feito de facerse da man de alguén que, por diversas circunstancias, se converteu co paso dos anos nun finlandés máis, ofrece unha atalaia desde a que subliñan os contrastes e, por se estes non quedasen claros, aplícase unha ollada satírica -máis retranqueira que humorística- que fai da súa unha visión moi subxectiva e particular, operativa para achegarnos a algo tan complexo como é identidade dos habitantes dun país suxeita, ao que parece, aos territorios dos que se procede e á memoria dos propios devanceiros.
Dun ou doutro xeito cómpre ler esta achega como un entretemento, operativo, iso si, para aprender ou refrescar a memoria sobre esa lingua que é o finlandés e que conta con quince declinacións. Serve para coñecer o “sisu” (unha sorte de afouteza ou “enerxía mítica”), cales son as claves dunha sociedade matriarcal, a importancia que depositan na práctica do deporte e no coidado da infancia, o celo excesivo dun estado sobreprotector, un chisco de gastronomía, os métodos de crianza, as celebracións máis célebres, os heroes e heroínas do país ou as singularidades dunha climatoloxía única. Circula por aquí tamén a memoria do Kalevala, o célebre poema épico de Lönnrot, e outras referencias que convido a coñecer, nunha tradución impecable de Tomás González Ahola.

 

Esta recensión publicouse nas páxinas do suplemento Fugas de La Voz de Galicia, na sección “Ex umbra in solem”, o 7 de febreiro de 2020.