Saturnino Valladares (introdución e edición)
Poemas a Valente (ilustración de cuberta Julia Huete)
Universidade de Santiago / Cátedra José Ángel Valente, Santiago, 132 páxinas, 15 €, 2019
A Cátedra José Ángel Valente de Poesía e Estética dirixida polo profesor e escritor Claudio Rodríguez Fer, edita un interesante volume que introduce e anota Saturnino Valladares, profesor da Universidade Federal do Amazonas (Brasil). Este volume ten como principal obxectivo compilar e, dalgún xeito, rescatar un corpus textual moi concreto como é o das composicións poéticas que, en diferentes épocas, se dedicaron ao autor ourensán.
Cómpre destacar nesta edición o amplo e documentado texto introdutorio que repara tanto nos principais socalcos biográficos de Valente como nas relacións de amizade e, os máis dos casos de admiración mutua, que mantivo con moitas das voces que nun momento determinado lle dedicaron un poema. Velaí, así pois, un total de corenta e unha composicións pertencentes, entre outras persoas, a Antonio Gamoneda, Luz Pozo, Vicente Aleixandre, Pere Gimferrer, Juan Gelman, Blanca Varela, José Agustín Goytisolo, Alfonso Costafreda, Jacques Ancet, José Miguel-Ullán, Jorge Riechmann, Luz Pozo Garza, Ana Gorría ou Claudio Rodríguez Fer, que ven a luz nas linguas en que orixinalmente se crearon e que, ademais de conformar un recoñecemento plural e literariamente poderoso e intenso, posibilitan establecer, realmente, unha crestomatía biográfica e mesmo poética sobre o autor das Sete cántigas do alén.