O inimigo coñece o sistema, de Marta Peirano

978841672155Marta Peirano

O inimigo coñece o sistema (tradución de Antía Veres Gesto)

Faktoría K, Pontevedra, 344 páxinas, 17 €, 2019.

 

Comeza e conclúe este documentado libro de Marta Peirano cunha sentenza ideada pola escritora afroamericana Audre Lorde cifrada na idea de que as ferramentas do poder non serven para desartellalo. En efecto, é este un libro de tecnopolítica que fala do control e do poder grazas á esculca e interpretación de cal é o fin último da enorme cantidade de información que xeramos ao usarmos os nosos móbiles, tabletas e ordenadores, sobre todo cando descargamos aplicacións ou interactuamos nas redes sociais. Analízanse nestas páxinas, con rigor e cun discurso intelixible, esas ferramentas que non están precisamente ao noso servizo, as que se revelan con termos que semellan transparentes pero cuns obxectivos que non son, desveladas neste libro para, agora si, informarnos sobre cales son, por exemplo, as razóns do comportamento mecánico que realizamos, tantas veces sen decatarnos, na nosa interacción con internet.

          O inimigo coñece o sistema céntrase no devandito obxectivo mais tamén afonda con efectividade no falso concepto de privacidade que adoitamos abrazar ou nese lado escuro que se agocha tras os denominados datos biométricos ou os célebres algorismos preditivos.  Teño para min que Peirano non deseña ningunha realidade apocalítica: antes ben o feito de explicar como os nosos datos constitúen un precioso tesouro para empregalos con fins de funcións preditivas e, polo tanto, con capacidade de manipulación resulta, cando menos, verosímil, malia que como reacción a esta realidade sempre sexa posible responder en pequenas accións locais ou con recursos como o software libre.

Difícil non pensar no deseño dunha distopía insospeitada que está instalada no noso presente. Quen dubida de que as tecnoloxías e internet son precisas, insubstituíbles xa, pero os datos que xera o noso uso delas arrastra perigos dos que este libro advirte con claridade, de aí a súa incuestionable utilidade.

 

Esta recensión publicouse na sección “Ex umbra in solem”, do suplemento Fugas de La Voz de Galicia, o 14 de febreiro de 2020.