Alba Cid
Atlas
Galaxia, Vigo, 80 páxinas, 12 €, 2019
Atlas é un libro enigmático e intenso. Talvez un desafío de absorbente lectura que se amosa xeneroso polas numerosas descubertas compartidas e que se envolve nunha roupaxe singular pragada de múltiples diálogos culturais. Con el inaugura a investigadora, profesora, pertinaz lectora e crítica Alba Cid a súa presenza como poeta con libro propio.
Paira neste volume unha interacción vizosa, unha sorte de oxímoro deslumbrante, onde non sabe un se é a imaxe -todas as imaxes, mesmo as non explícitas- a que alimenta a palabra ou se é ao contrario. Dun ou doutro xeito, Atlas articúlase como unha viaxe fértil pola vida e, malia o que se poida acreditar, duradeira pois o seu discurso segue sempre permanente na memoria de quen le. Con el, con esta cartografía poética singular, percorremos unha sorte de cosmogonía construída por un contínuum de espazos e territorios plurais que van de Europa a África, de América a Asia, de Oceanía ao Ártico para concluír nun breve ensaio onde se escriben cousas que xa pagarían a pena por un libro todo como cando repara en que a néboa, seica á maneira cunqueiriana, “suspende os outonos e a resposta das campás” ou que algo, o que un queira, talvez unha flor de Okra, é “suave como a palabra ´bálsamo`, que cruza o río Xordán, nos vales de Siria, e unxe o labios e os corpos”.
Nestas páxinas abrázanse e perviven os asombros, de onte e de hoxe, para cristalizalos nunha sorte de proceso singular que se incardina nunha voz que nos fala coma se asistísemos ao agromar dunha dinámica estraña por infrecuente que repara nos vellos saberes, algúns esquecidos, da historia -porque “o tempo é un palídromo”-, do naturalismo ou da propia filoloxía porque aquí hai amor ás palabras á procura dese punto de equilibrio entre o asombro e a racionalización deste, entre as lecturas e a emoción que suscita unha luz que ilumina unha estancia descoñecida ou unha paraxe ignorada que agora, afortunadamente, se desvela para nós.
Esta recensión publicouse na sección “Ex umbra in solem”, do suplemento Fugas de La Voz de Galicia, o 21 de febreiro de 2020.