Non me deas diñeiro polo que che dou. Tributo académico a Avelino Díaz (1897-1971); Benigno Fernández Salgado e Tina Poethe (eds.)

poavelinodiaz6Benigno Fernández Salgado e Tina Poethe (eds.)

Non me deas diñeiro polo que che dou. Tributo académico a Avelino Díaz (1897-1971)

3D1TOR4, vols. I e II, páxs. 136 + 136,  16,50 €

 

A finais dos anos oitenta, por volta da vella Facultade de Filoloxía de Mazarelos, aparecían con frecuencia carteis cun enigmático lema que, se a memoria non me traizoa, rezaba <<Avelino, adiante>>. Sospeito que esa reivindicación sería por Avelino Díaz, poeta que foi de Riotorto e que morreu en Buenos Aires, cidade na que desenvolveu unha intensa actividade dentro da colectividade galega. A el aparecen agora dedicados dous salientables volumes de homenaxe ao coidado de Benigno Fernández Salgado e Tina Poethe que compilan, baixo o título de dous versos do poeta, un total de dezaseis colaboracións que afondan na análise, e por tanto difunden con rigor e espírito didáctico, diversos aspectos do autor lucense para desvelar o labor que abrazou tanto no ámbito da poesía coma do xornalismo, sen esquecer algunha revisión crítica que afonda no elevado grao de compromiso que o anoou á nosa cultura.

Fernández Salgado, no primeiro artigo da colectánea que insire acaidamente no marco teórico da “xustiza poética” de Nussbaum e na asunción do “poder reparador da poesía no exercicio da memoria histórica”, repara no ostracismo ao que foi desterrada a obra de Avelino Díaz e identifica cinco temáticas suxestivas que gobernan a súa poesía, aínda de difícil acceso malia existir unha recente publicación, na mesma casa editora, titulada 14 poemas. Oxalá, pois, algunha casa editora se anime a reeditar libros como Debezos (1947), Pallaregas (1963) ou os seus Once poemas a Castelao (1975), para de certo confirmar tales extremos.

Resúltame particularmente atractiva a figura deste poeta escasamente coñecido pois as circunstancias históricas da Galicia do século XX explican, pero non xustifican hoxe, que a súa obra e tamén a súa memoria fosen diluíndose e reducíndose a unha nota a rodapé nalgún manual literario. Teño para min que na literatura galega todo suma: a obra de Avelino Díaz tamén, non o dubido.

 

Este texto publicouse nas páxinas do suplemento Fugas, de La Voz de Galicia, o 6 de  marzo de 2020.