Cuestionario Proust: Arancha Nogueira

DSC_1468

Arancha Nogueira

1.– Principal trazo do seu  carácter?

– pensei en intensidade, agarimo, nerviosismo, empatía… pero, só un?penso que compromiso (o que fago non sei facelo doutro xeito).

2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?

– a lealdade.

3.– Que agarda das súas amizades?

– o mesmo coidado que eu lles presto ou tento prestarlles (ou, cando menos, o 50%).

4.– A súa principal eiva?

– o autocontrol.

5.–  A súa ocupación favorita?

– alén de ler e escribir, bailar e beber cervexa (artesá e galega, a poder ser).

6.–  O seu ideal de felicidade?

– unha casa con galería e unha rede de afectos que me valoraran e me acompañaran sempre.

7.– Cal sería a súa maior desgraza?

– saber que vou morrer sen ter vivido, intensa e xenuinamente (que é o único xeito no que concibo vivir).

8.– Que lle gustaría ser?

– protagonista de musicais.

9.– En que país desexaría vivir?

– na Galiza, pero nunha Galiza con oportunidades, con recursos públicos para toda a poboación, feminista, con transportes que vertebrasen o país, sen provincias despoboadas… en fin, non na Galiza de Feijóo.

10.– A súa cor favorita?

– o verde.

11.– A flor que máis lle gusta?

– o estraloque (penso que tamén lle chaman dedaleira).

12.– O paxaro que prefire?

– son ornitofóbica, así que responder esta pregunta é ben difícil. Penso que non lles tería tanto medo aos pingüíns, pero en xeral… prefiro as aves ben lonxe!

13.– A súa devoción na prosa?

– Milan Kundera. Aínda que tería que facer mención a toda a saga de Harry Potter, que me salvou a vida durante moitos anos (e anos non precisamente doados).

14.– E na poesía?

– María Lado e Lupe Gómez á par.

15.- Un libro?

– só un? Orlando, de Virgina Woolf… pero, repito, só un?

16.– Un heroe de ficción?

– non me gustan os heroes de ficción, nin os dos cómics e demais. De dicir un, diría Astérix, pero sería un suxeito colectivo: a resistente aldea gala, máis que unicamente Astérix ou Obélix (mención especial tamén ao pobre do bardo, que co importante que era, o mal que o trataban).

17.– Unha heroína?

– todas as de Sailormoon (obrigada por tanto, Xabarín Club).

18.– A súa música favorita?

– “Ataque Escampe”. Sempre. Súper fan. Demasiado, se cadra.

19.– Na pintura?

– Chagall, sempre.

20.–  Un heroe ou heroína na vida real?

– a miña avoa Paz.

21.– O seu nome favorito?

– Celtia e Xan (levo media vida dicindo que así se chamarán as miñas fillas futuras)!

22.– Que hábito alleo non soporta?

– a indiferenza (ante calquera cousa, ou aínda peor: ante todas as cousas).

23.– O que máis odia?

– a indiferenza (leva consigo a falta de autocrítica e a defensa dos privilexios, de todos).

24.– A figura histórica que máis despreza?

– só unha? e de que historia? da patriarcal e eurocentrista que nos contaron na escola, a case todas.

25.– Un feito militar que admire?

– calquera levantamento popular contra o poder, particularmente contra o poder imperialista e colonizador.

26.– Que don natural lle gustaría ter?

– ía dicir o de ler as mentes, pero non, porque co emocional que son xa… case que o da teletransportación.

27–. De que maneira lle gustaría morrer?

– unha mecedora lendo un libro mentres pega o sol na galería.

28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?

– é o agobio un estado de ánimo ou máis ben un estado vital? Mmm… diría que intenso, para ben e para mal.

29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?

– a ignorancia, o complexo de inferioridade (que leva a certos comportamentos), a incapacidade para expresar sentimentos e para xestionar o emocional… Ollo, que que me inspiren indulxencia non significa que non me frustren, pero vaia.

30.– Un lema na súa vida?

– o suxeito posmoderno é contraditorio.