Cuestionario Proust: Carlos Da Aira

Carlos Da Aira - Foto de Carmen Blanco

Carlos Da Aira (foto: cortesía de Carmen Blanco)

1.– Principal trazo do seu carácter?
– A inquietude, na acepción de curiosidade, de desexo de adquirir continuamente novos coñecementos.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– Ademais da inquietude, a actitude e pensamento crítico.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Que na súa compaña e conversa con elas me sinta a gusto, alegre. Tamén apoio ou axuda en caso de precisalo, e ese clase de tópicos, pero acho que todo iso vai implícito no concepto de amizade, así que creo que non son cousas que deba ‘agardar’.
4.– A súa principal eiva?
– Hai demasiadas actitudes ou trazos que me custa moito soportar nas persoas, como o simplismo ou a falta de inquietude, nomeadamente -pero non só- no ámbito cultural e científico.
5.– A súa ocupación favorita?
– Acho que gozar dunha boa foliada, cantando, tocando e bailando xunto á miña compañeira e outras persoas afíns achégase bastante ó número un das ‘ocupacións’ favoritas…
6.– O seu ideal de felicidade?
– Que todo o mundo fose feliz; iso significaría, entre outras cousas, vivirmos nun mundo xusto para todxs (son consciente de que a resposta inclúe, en parte, un paradoxo).
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– Verme impedido para escribir, ler, escoitar ou interpretar música. A maior desgraza, todo iso xunto, claro.
8.– Que lle gustaría ser?
– O que son.
9.– En que país desexaría vivir?
– En todos os deste mundo durante o tempo preciso para coñecer e experimentar a súa cultura (con todo o que esa palabra implica).
Inclúo tamén calquera outra rexión de calquera mundo habitado por seres intelixentes con trazos culturais diferenciados.
10.– A súa cor favorita?
– Non teño. Durante a infancia e adolescencia lembro dicir que o azul, pero creo que é desas cuestións puerís para as que escolles unha resposta porque cres que hai que tela. O negro sempre me gustou especialmente, pero estritamente non é unha cor, senón a ausencia de cor.
11. – A flor que máis lle gusta?
– Mimá! Unha soa, con todas as que hai e sendo un dos grandes símbolos do concepto de beleza?!
Vaaaale… gústame moitísimo a caléndula.
12.– O paxaro que prefire?
– O corvo.
13.– A súa devoción na prosa?
– Agora mesmo e dende que o descubrín, Haruki Murakami.
Ata ese momento foino Milán Kundera; creo que é o único autor de quen lin -e conservo inda, algunhas delas en varios idiomas- todas as súas novelas, ademais dalgúns outros títulos do resto de estilos que abrangueu.
14.– E na poesía?
– Por nomear só un/ha poeta de cada un dos idiomas que domino abondo como para ler poesía nas súas linguas orixinais: Olga Novo, Antonio Orihuela, Adília Lopes e Dolors Miquel.
15.- Un libro?
Despietat país de les maravelles i la Fi del Món, de Haruki Murakami.
Escribo o título en català porque foi no idioma no que o lin, e se escribo o título orixinal non creo que moita xente o recoñeza…
16.– Un heroe de ficción?
– Dubido entre Tarzán e Guy Montag (Fahrenheit 451).
17.– Unha heroína?
– Ellen Ripley.
18.– A súa música favorita?
– Se falamos dun estilo de música, e inda que me gustan e escoito moitos e variados estilos de música, evidentemente a música tradicional ou ‘de raíz’, con mención especial ás cantareiras / pandereteiras que nos transmitiron o inmenso legado de músicas e cantigas populares.
19.– Na pintura?
– O mesmo: gusto de moitos estilos, pero creo que o surrealismo ten un lugar predominante na miña vida. Por dicir dous nomes: Remedios Varo e Salvador Dalí.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Miña nai e meu pai. Por extensión, calquera persoa que por necesidade tivese/teña que emigrar lonxe da súa xente e da súa terra para acadar unhas condicións de vida dignas.
21.– O seu nome favorito?
– Non teño, pero direi Brath. Púxenllo ó can abandonado que adoptei vivindo en Barcelona e con quen compartín case catorce anos da miña vida; un dos seres vivos que máis quixen.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– Ver resposta á pregunta nº 4.
23.– O que máis odia?
– As persoas -teñen nome e apelidos- que, tendo poder e recursos efectivos para mellorar a vida das persoas, non só non o fan senón que fan todo o contrario, sendo totalmente conscientes disto.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Calquera rei/raíña ou ditador. O feito de que unha persoa, sen ser escollida de xeito minimamente democrático, desexe -e o faga- gobernar, mandar, estar por riba dun pobo ou grupo de persoas, paréceme unha das cousas máis desprezables.
25.– Un feito militar que admire?
– En serio?!
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– Non creo nos dons naturais, senón máis ben nunha mestura de habilidades psicomotrices e circunstancias propicias (environment) durante o período de aprendizaxe, pero aceptando o tópico… saber pintar como xs pintorxs da resposta á pregunta nº 19.
27. – De que maneira lle gustaría morrer?
– Encantaríame presenciar a fin definitiva da humanidade, a apocalipse total, por invasión alieníxena, meteoro xigante achegándose irremediablemente á Terra, ou algo semellante; e ser unha das últimas persoas en morrer, claro, para presencialo todo, e finalmente morrer da maneira máis rápida e indolora posible, xunto á miña xente, no medio dunha foliada.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– Alegre, tirando a feliz.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– Aqueles cuxa responsabilidade e posibilidade de corrección non recae na persoa que os ten.
30.– Un lema na súa vida?
– Chapodar cabezas!
Non me gustan os lemas, por simplistas e reducionistas, así que escollo este, que expreso de brincadeira -ou non- moi a miúdo…