En efecto bolboreta, de Ana Pillado

En efecto bolboretaAna Pillado

En efecto bolboreta

Fervenza, A Estrada, 234 páxinas, 16 €, 2019.

 

Ana Pillado Vega non inaugura a súa presenza como narradora con En efecto bolboreta, malia constituír esta a súa primeira obra para un lectorado adulto. A súa traxectoria como artista aséntase, desde hai moitos anos, nun destacado currículo como pintora, ilustradora, ceramista e autora de varios libros de literatura infantil que camiñaban pola deconstrución de estereotipos de xénero, sen esquecer a proposta Fabula Mater. Poema en 12 Actos (2005).

De repararmos en parte da súa obra artística entenderase este libro como un contínuum natural daquela e non en van hai nel unha boa mostra do seu traballo como ilustradora. A novela insírese nunha concepción que gravita arredor da construción dun novo imaxinario que persegue, en palabras da autora, “habitar un feminismo que non renuncia ao sagrado”, á busca dunha confluencia co misterio e erixido aquí cunha forza imaxinativa sedutora.

En efecto bolboreta sitúase nunha tendencia narrativa que talvez se puidese denominar como ecofeminismo pois nela é manifesta a reivindicación dunha visión ecoloxista de mans dadas co feminismo, ao tempo que abraza o xénero da fábula ideando unha irmandade simbólica de bolboretas e avelaíñas que camiñan xuntas para deter unha desfeita ecolóxica inminente. Esta causa resulta operativa para construír un texto optimista, dalgún xeito eutópico na pretensión de deseñar un lugar bo ou feliz, isto é, alicerzar un territorio recoñecible que percorra de arriba a abaixo a nosa xeografía e que mesture, nunha confluencia singular, elementos da nosa mitoloxía como sereas, meigas, fadas, a raíña Lupa ou as viaxes de San Amaro e San Brandán ás illas do Alén con referencias doutra orde como son os ecos das Irmandades da Fala ou das obras de Lugrís ou  Cunqueiro. Quen sabe, así pois, se unha decisión insignificante, nun momento concreto, pode resultar clave para transformar a realidade, para transformármonos tamén. Benvida!