Un lume azul, de Pedro Feijoo

Cuberta Un lume azulPedro Feijoo

Un lume azul

Xerais, Vigo, 576 páxinas, 23,90 €, 2019

 

O medo adóitase definir como esa inquedanza que se experimenta diante dun perigo, presentido, real ou imaxinado e que por veces se converte en horror. Se a estes conceptos unimos aquel que apunta á dor, física ou psíquica, e ao intento de comprensión do que esta significa,  talvez teñamos na man as coordinadas en que situar Un lume azul, de Pedro Feijoo. Teño para min que esta novela serpea polas dimensións que suxiren o medo e a dor humana, proxectándoas como material narrativo e situándoas, en aparencia, nunha proposta de xénero negro, eu diría máis ben de suspense e intriga, que talvez supere, pola súa concepción inicial, as fronteiras taxonómicas para fundirse nun texto que afonda, de vez, na condición humana cando esta adopta algunhas das súas dimensións máis abxectas. E é xustamente neste último territorio, no da maldade, onde se revela unha voz que transita con transparencia, sen respiro nin concesións,  inapelable e intensa, ao exhibir a palabra máis acaída para pintar ese lado máis escuro, agresivo e violento da vida: o que está alén do imaxinable e que ás veces nos rodea aínda que só se presinta e non se queira, ou non se chegue, a ver.

Shakesperare deixou escrito algo así como do que tiña medo era do medo dos demais. Dalgunha maneira os máis dos personaxes que poboan esta novela teñen o medo pintado na cara: vítimas ou verdugos, no fondo tanto ten, resultan operativos para erixir unha historia absolutamente envolvente, de efectiva estrutura e onde o manexo intelixente do ritmo narrativo, ás veces adoptando un xiro insospeitado, está ao servizo de entender as claves que conducen algúns personaxes a moverse neses terreos lamacentos que falan da corrupción do poder, da violencia, do abuso ou da sede de vinganza. Todo para erixir un novo descenso aos infernos,  dantesco e sen clemencia, no que considero unha das mellores novelas, entre as que lin, das publicadas o ano pasado.

 

Esta recensión publicouse nas páxinas do suplemento Fugas, de La Voz de Galicia, o 20 de marzo de 2020, na sección “Ex umbra in solem”.

2 Comments

Os comentarios están pechados.