Deserto García, de Jorge Emilio Bóveda

9788491514008Jorge Emilio Bóveda

Deserto García

Galaxia, Vigo, 148 páxinas, 14,70 €

 

Sigo con interese a traxectoria literaria do escritor ourensán Jorge Emilio Bóveda. Non podía faltar, así pois, achegarme aínda que con certo retraso á súa última proposta, neste caso publicada pola editorial Galaxia baixo o título de Deserto García.

Anunciado como un texto que se sitúa nun improbable, pero posible, punto de encontro entre a novela do oeste e a policíaca, se se quere mesmo un novo “noir rural”. Con todo, sen negar que hai trazos debedores destes xéneros, Deserto García paréceme unha novela que dalgún xeito subverte e transgrede esas fronteiras para ofrecer unha reflexión sobre a soidade do ser humano, unha soidade procurada, un desexo indisimulado por parte do protagonista de esquecelo todo, un devezo por acadar a independencia e ser resolutivo que a sociedade en xeral, e outros intereses, imposibilita que se leve a cabo e nin sequera é quen de vivir no interior da súa propia “terra baldía”.

O obxectivo ou liña basilar da novela rodeáse, iso si, con chiscadelas argumentais heteroxéneas, necesarias para que a novela sexa tal, mais destacaría sobre todo  a transparencia na descrición dunha atmosfera rural ofegante, carente de escrúpulos e onde o alcoholismo, a violencia soterrada, e ás veces non tanto, a corrupción ou a escaseza de horizontes vitais golpean a conciencia do lector ou lectora unha e outra vez malia contar, en moitas ocasións, coas precisas doses de humor ou ironía tan presentes noutras pezas do autor. Detrás do heroe, detrás dos anti-heroes hai nesta novela un río subterráneo onde en moitas ocasións nada é o que parece. Convido a descubrilo.