Arancha Nogueira x 2: #hastags para un espazo agónico e Dente de leite

Hastags....-350x600Arancha Nogueira

#hastags para un espazo agónico

Positivas, Santiago, 7 €, 36 páxinas, 2019.

 

 

 

 

imagesdente de leite

Xerais, Vigo, 12,50 €, 64 páxinas, 2020.

 

Cadran practicamente no tempo dúas interesantes publicacións da escritora ourensá Arancha Nogueira.  O primeiro deles -#hastags para un espazo agónico– é un libro, ao meu ver, que reivindica a existencia dun espazo belixerante para a poesía de hoxe desde unha perspectiva innovadora. Desde os seus primeiros versos asemelloume estar a ler o Celso Emilio Ferreiro máis incisivo, coa mesma actitude irónica e, ao tempo, igual de implacable mais actual, loxicamente. Dalgún xeito agroma aquí unha radiografía, incisiva e demoledora, sobre o noso tempo cheo de inventadas “etiquetas para perdernos” e situados nun espazo que cada vez diminúe máis, que cada ver é máis ofegante ao estar limitado a unha pantalla. Afóndase, asemade, naquilo que non queremos ver que se expón cunha lóxica esmagadora; interrógase sobre o inconcibible e alienante que son algúns signos absurdos que campan do noso tempo como verdades inmutables, mais tamén abraza ou non esquece a pervivencia do amor e o relevante que resulta a identidade propia e saber mantela.

Por outro lado, dente de leite, que foi galardado no Premio Johan Carballeira de poesía que organiza anualmente o concello de Bueu, é un volume doutro carácter: nel viaxamos, cun estilo contido e conciso, máis estilizado e se quere directo e limpo, a un “arquipélago de sensacións diminutas” en palabras de Lupe Gómez, prologuista do volume. En efecto, Nogueira percorre as dimensións afectivas da figura materna, mesmo as que suxiren a experiencia da propia maternidade, desde as instancias da evocación e a intelectualización do vivido para, dalgún xeito, aprehender momentos, experiencias, percepcións nun tempo estantío até que se asume, de vez, que “o presente vai ser cousa da memoria”.

Benvidos estes dous libros de poesía dunha voz firme e sólida, a non perder.