Martin Eden, de Jack London

Martin Eden válidoJack London

Martin Eden (tradución de Celia Recarey)

Irmás Cartoné, 504 páxinas, 20 €, 2019.

 

Confeso unha especial devoción pola obra de Jack London e, por iso, a aparición dunha novela clave na súa extensa bibliografía como é Martin Eden, nunha tradución espléndida a cargo de Celia Recarey, enténdoa como un notable acontecemento.

É ben probable que esta novela goce de maior popularidade nos últimos tempos debido a unha recente adaptación cinematográfica, libérrima por certo, a cargo do director Pietro Marcello que, con todo, mantén incólume un aspecto substancial do orixinal publicado no ano 1909 -xa antes saíra no formato de novela por entregas na revista The Pacific Monthly– como é a redención que se opera no personaxe principal a través da cultura.

Resulta complicado, talvez inútil, discernir que hai de biográfico e que de ficción en Martin Eden: algo semellante ao que ocorre no resto da súa obra. Esta é unha novela de protagonista -probablemente tamén novela de aprendizaxe- conducida polas peripecias vitais dun mariñeiro novo que, tras namorarse, decide cambiar a súa profesión para abrazar con esforzo a carreira de escritor. Esta será, sen dúbida, a súa táboa de salvación coa que se enfrontará tanto ás incógnitas que presenta o seu propio futuro como aos seus propios fantasmas ata converterse nunha verdadeira obsesión que lle posibilitará superar as dificultades dun escritor novel ou primeirizo, consagrándose así ao estudo e ao coñecemento e cultivando unha perseveranza férrea na disciplina de mans dadas cunha irrenunciable vontade pragmática.

Se noutras obras destacaba London por construír atmosferas onde as dificultades que presentaba a existencia camiñaban por ámbitos onde as leis da natureza eran inmisericordes, aquí é outra orde de cousas, como os abismos permanentes entre as clases sociais, o que resulta inapelable, e contra isto será contra o que teña que loitar Martin para, dalgún xeito, triunfar e, curiosamente, decepcionarse. Unha novela, non o dubido, memorable.

Esta recensión publicouse na sección “Ex umbra in solem” das páxinas do suplemento Fugas, de La Voz de Galicia,o 27 de marzo de 2020.