Cuestionario Proust: Eduard Velasco

de

Eduard Velasco

1.– Principal trazo do seu  carácter?

-A curiosidade e a inquietude

2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?

-O sentido do humor

3.– Que agarda das súas amizades?

-Que me descubran novidades. Que me fagan rir. Que poidamos cociñar xuntos.

4.– A súa principal eiva?

-Algo relacionado con non saber que responder a esta pregunta.

5.–  A súa ocupación favorita?

-Cambiar de ocupación cando xa cansei da anterior.

6.–  O seu ideal de felicidade?

-Tiven a fortuna de velo realizado e de gozar da felicidade sendo plenamente consciente. O máis importante é que iso descarga os que agora me rodean de calquera responsabilidade.

7.– Cal sería a súa maior desgraza?

-Non ser quen de sobrepoñerme a ela e de seguir adiante cando chegue.

8.– Que lle gustaría ser?

-Querería ter un taller e dedicarme a pintar e a traballar coas mans; como non creo que iso suceda, teño un proxecto alternativo a medio prazo.

9.– En que país desexaría vivir?

-Non vexo que haxa onde ir se non é facendo da propia casa un continente.

10.– A súa cor favorita?

-As cores rubias e azafranadas das terras mediterráneas: entre elas sei que estou na casa.

11.– A flor que máis lle gusta?

-Quizais a do agave, e non pola beleza, senón polo acontecemento que precede a morte.

12.– O paxaro que prefire?

-Teño simpatía por todos os paxaros, mais gustaríame ter un loro e pasear con el no ombreiro pola rúa.

13.– A súa devoción na prosa?

-A que estea feita coa consciencia de que a literatura se constrúe con palabras e con linguaxe literaria, non con ideas e liñas argumentais.

14.– E na poesía?

-A popular en calquera das súas formas. Ningunha tentativa a vai poder superar nin en graza nin en exactitude nin en oportunidade.

15.- Un libro?

-É o único agasallo que sempre vou agradecer.

16.– Un heroe de ficción?

-Mortadelo, sen o que non se entende a miña educación sentimental.

17.– Unha heroína?

-A Mila da novela Solitud de Víctor Català.

18.– A súa música favorita?

-A das mulleres que están de parto e cantan para incorporaren a dor das contraccións. É unha melodía ancestral que sobrecolle.

19.– Na pintura?

-Luís Seoane, Berta Cáccamo, Santiago Rusiñol, Modest Urgell, Andreu Maimó, Alfredo Salom… E, sobre todo, a dos nenos cando riscan polo pracer do trazo e aínda non concibiron a figuración.

20.–  Un heroe ou heroína na vida real?

– A miña tataravoa murciana, Rosa Lario García, que fuxiu de Lorca en 1904 con catro fillos pequenos e foi a pé ata Barcelona pedindo polas casas.

21.– O seu nome favorito?

-Calquera topónimo non deturpado de calquera lugar do mundo.

22.– Que hábito alleo non soporta?

-Ser rañas cos cartos e espurrido para a comida.

23.– O que máis odia?

-A preguiza e a falta de curiosidade.

24.– A figura histórica que máis despreza?

-Todas as que arestora queren acabar con nós e que, infelizmente, pasarán á historia.

25.– Un feito militar que admire?

-A resistencia dos maquis ou calquera resistencia contra os feitos militares.

26.– Que don natural lle gustaría ter?

-Ter boa voz e saber cantar.

27.– De que maneira lle gustaría morrer?

-Dun ataque de hilaridade fatal ou vítima dunha morte absurda (por exemplo, pola caída dun piano na cabeza).

28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?

-Seica o optimismo e a alegría.

29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?

-Os provocados pola paixón.

30.– Un lema na súa vida?

-Adoptaría o que un dos personaxes de Palabras de Opoton o Vello lle di ao bo do Opoton e que vai moi ben para coller azos cando un desfalece no traballo material ou intelectual: «—Isto, irmán Opoton, é a miña canoa. Aínda non a teño acabada de todo mais xa queda menos que o día que a comecei a facer.»