X.L. Franco Grande

20200331_183023

Souben hoxe do pasamento de X. L. Franco Grande. Malia non ter relación persoal con el -non sei ben quen mo presentou nun acto hai apenas uns meses- sempre lle estarei agradecido polo seu Diccionario galego-castelán -na realidade o meu primeiro dicionario- e polo libro Os anos escuros I, onde se nos descubriu un pasado recente, e ao tempo descoñecido, da resistencia cultural do galeguismo de posguerra. Hai apenas unha semana Galaxia editáralle A ilusión da esperanza, que queda aínda entre as lecturas aprazadas.

O autor escribiu un poema titulado “Epitafio” que pecha Entre o si e o non, reeditado por Xerais con estudo de Vicente Araguas no 1993. Aí deixou escrito “Quén dera saír cara non sei onde, / ai, Deus!, sen outra estrela / que un procurar que sempre vai a algures”. Que a terra lle sexa leve.