Henrique Rabuñal
Ricardo Carvalho Calero. O anxo da terra
Galaxia, Vigo, 208 páxinas, 10,80 €, 2020
Alegroume saber, hai uns meses, que un profesor e investigador da valía e profesionalidade de Henrique Rabuñal estaba abordando un estudo sobre Carvalho Calero. E aquí está entre nós o espléndido resultado que viu a luz hai pouco tempo: Ricardo Carvalho Calero. O anxo da terra.
E non resulta doado formularse a un proxecto de investigación que consiga compendiar, en pouco máis de duascentas páxinas, o perfil biográfico e creativo dun autor tan substancial e poliédrico, realmente oceánico, na cultura galega do século XX como Carvalho. Rabuñal acádao, a meu entender, con especial habilidade ao adoptar como eixe vertebrador do seu libro unha homenaxe implícita ás distintas voces narradoras que poboan Scórpio e que, dalgún xeito, iluminan a vida do protagonista. Velaí, así pois, un grupo heteroxéneo de voces, focalizadas en aspectos biográficos, literarios e linguísticos, que van desde Dolores, a irmá de Carvalho, ata unha filóloga ou unha historiadora da literatura, pasando por discursos atribuídos a Castelao, Salvador Lorenzana, unha alumna de Filoloxía Románica, unha profesora de lingua galega, unha xornalista ou un poeta, entre outros, que facultan ler este volume desde a perspectiva de presenciarmos un diálogo vivo, ricaz, múltiple e coral que o singulariza e enriquece.
Ensaio intensamente documentado, alén de incorporar unha gran cantidade de material fotográfico e documental e unha útil bibliografía de e sobre Carvalho, non dubido en cualificalo como un dos traballos máis suxestivos, sistemático e actualizado entre os publicados nos últimos tempos. Beizón, Henrique, por este traballo modélico que, sobre todo, reafirma a vontade de servizo e o alto grao de compromiso coa cultura galega que Carvalho se impuxo como obxectivo ao longo da súa vida e que demostrou co seu constante e incansable traballo.