Uralita, de Iria Pinheiro e María Lado

UralitaIria Pinheiro e María Lado

Uralita

Cuarto de inverno, Arzúa, 88 páxinas, 15 €

 

Editora e editora, antes de que isto comezase, déronme en man este libro. Falaban del coma unha pequena alfaia, falaban del con moita ilusión e, case, con devoción. Non é de estrañar porque Uralita, este libro escrito a catro mans, as mans de María Lado e as de Iria Pinheiro, é memoria, é reivindicación, é -mesmo- xustiza.

Léanse tanto o limiar de Iria Pinheiro como o epílogo de María Lado e entenderase cabalmente todo o proceso creativo deste libro, como se concibiu, como se xerou, como foi a súa orixinal dinámica compositiva. Son de agradecer os textos porque explican moitas cousas mais, sen eles, esta Uralita tamén brillaría de seu porque encerra unha poderosa dimensión metafórica: é un libro, se cadra, refuxio, que fala da memoria, si, porque é imprescindible, mais fala tamén dun país que latexa ao abeiro da uralita, onde viven “mulleres que son fouce”, e resisten, e teñen a súa propia historia e estamos obrigados a ofrecer, ás que quedan,  un presente distinto. Todo contado, ás veces, desde a ira contestaria e a rabia que nace do interior e que estoupa en palabras que veñen polo aire e se recollen por escrito, que nos ensinana a que recoñezamos a imposibilidade de practicar o kintsugi cando temos que reconstruír outras tantas cousas, en ocasións comezando por un mesmo mais tamén o noso país, ese onde “sempre hai farois estorbando” nos solpores, ese onde “familias viven abrigadas debaixo das torres de alta tensión”. Nestes tempos Uralita é un libro que nos aprende moitas cousas: grazas!