1.– Principal trazo do seu carácter?
-Son moi teimuda, disque é propio dos ‘tauros’. O certo é que como se me meta algo entre corno e corno non paro até conseguilo…, aínda que, ás veces, por suposto, escorno…
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
-A solidariedade e a humildade, entendida etimoloxicamente como a ‘conciencia de ser humus’: ser terra nutricia para a propia árbore e para o bosque que somos.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Considero a amizade unha irmandade escollida, un encontro no que ser sen xuízos, no que practicar a escoita dende a comprensión e a empatía radical.
4.– A súa principal eiva?
– Como mínimo destacaría dúas: ser testalana e a impaciencia. Aínda que hai moitas máis…, e unha delas, evidente, a práctica da autocrítica por momentos un tanto feroz.
5.– A súa ocupación favorita?
-Xogar, soa ou acompañada, ao xogo da creatividade artística: pintar, escribir, bailar, cantar, ler…
6.– O seu ideal de felicidade?
-Ter tempo, espazo e saúde para desenvolver o xogo artístico na natureza, perto do mar. Mais, para sentir fondamente a felicidade propia preciso o benestar e a saúde da miña filla, da miña familia…e, en definitiva, de todo o bosque da humanidade…, entrementres non consigamos convivir nun bosque comunitario e xusto para todos e todas, no que cadaquén poida ser e aportar o mellor de si propio, penso que sempre habería unha fenda na miña felicidade individual.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
-Perder a memoria, a conciencia de min mesma, deixar de saber quen son…, acabar sendo dependente…
8.– Que lle gustaría ser?
-Pode soar un tanto vaidoso pero gústame ser quen son. Cando nena xogaba a ser profesora e organizaba exposicións de pintura na cociña dos meus avós. Son, pois, aquelo que dende nena quixen ser e facer. Ademais, de ter sido outra tería tamén tido diferentes avós, pais…, e non imaxino ser sen eses referentes fundamentais…, tampouco imaxino a vida con outra filla que non fose Gaila, ela é, sen dúbida, o maior regalo, o maior tesouro da miña existencia.
9.– En que país desexaría vivir?
-Aquí, en Galiza, sen dúbida, aquí teño as miñas raíces, aquí aprendín a voar. Aquí querería regresar sempre.
10.– A súa cor favorita?
-Gústanme moitísimo todas as cores, que son a materia poética da pintura…, mais de ter que elixir quedaríame co violeta, suma da frialdade do azul e o lume do vermello.
11.– A flor que máis lle gusta?
-En xeral, as flores silvestres e, en particular, o dente de león.
12.– O paxaro que prefire?
-Gústanme moito as pegas, a iridescencia da súa plumaxe, os seus chimpos; éncheme de tenrura o paporrubio e cada vez que escoito a voz libre das aguias voando no máis alto do ceo emociónome moitísimo.
13.– A súa devoción na prosa?
-Álvaro Cunqueiro, pura prosa poética; pai do realismo máxico.
14.– E na poesía?
-Manuel María e Luísa Villalta; lírica e humanamente dous referentes para min esenciais.
15-. Un libro?
Mujeres que corren con los lobos de Clarissa Pinkola Estés e Claros del bosque de María Zambrano, ambos absolutamente reveladores, mesmo iniciáticos.
16.– Un heroe de ficción?
-Imaxino que non serei orixinal, mais para ser sinceira hei de nomear a Alonso Quijano quen, en palabras de Borges ‘se atrevió a ser su propio sueño’. Sempre que releo o Quixote sufro cando denantes morrer renuncia a súa peculiar tolemia. Aínda que tamén ese sufrimento foi apousando dende o enfado radical da lectura na primeira adolescencia, á empatía da última (que non derradeira) lectura hai un par de anos. Tal vez, niso consista a madureza…, en saber comprender que ese regreso a lucidez implica a aceptación da realidade, por moi triste que esta sexa…, a renuncia a evasión idealista cando esta conleva sufrimento…
17.– Unha heroína?
-A miña heroína é filla de Lilith e ten trazos de Lisístrata, da Penélope de Eu tamén navegar de Xohana Torres, da Morgana de Begoña Caamaño, da Berenice de Palabra de bruxa de Andrea Barreira…
18.– A súa música favorita?
-Varío moito, segundo o estado de ánimo. Da música galega actual encántame Guadi Galego. Ultimamente escoito moito a Ana Tijoux.
19.– Na pintura?
-O Bosco, Lugrís, Maruja Mallo, Seoane, Frida Kalho, Blanca Silva…
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
-Miña nai, Manuela; dela aprendín que non hai nada tan revolucionario como manter acesa a ledicia. Ela é, en suma, para min, a heroína que fixo carne o verso de Miguel Hernández ‘defendiendo la risa pluma por pluma’.
21.– O seu nome favorito?
-Gaila Gaia.
22.– Que hábito alleo non soporta?
-O egoísmo cego, acaparador e fúnebre dos magnates.
23.– O que máis odia?
-O fascismo.
24.– A figura histórica que máis despreza?
-Francisco Franco.
25.– Un feito militar que admire?
-A revolución dos caraveis.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
-Quixera ser docta na arte da paz, quixera ser ter máis paciencia.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
-Sen dor, en paz conmigo mesma e logo de terme despedido dos meus e agradecido fondamente o regalo inmenso da existencia.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
-Procuro sempre manter o optimismo, focalizar a atención no aspecto positivo das circunstancias, centrarme en comprender cal é a ensinanza que podo acadar delas.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
-Os que precisan mentirse a si mesmos, sen saber que son artistas inéditos.
30.– Un lema na súa vida?
-No 2001, Manuel María obsequioume cun poema dedicado, un dos seus versos converteuse dende entón en lema vital: ‘ lembra que non hai nada máis urxente que transgredir a rotina miserenta’.