200 gramos de patacas tristes, de Juan Carlos Mestre

Cuberta MestreJuan Carlos Mestre

200 gramos de patacas tristes

Espiral Maior, Culleredo, 130 páxinas, 18 €, 2019

 

Nunca é tarde para chegar aos bos libros e foi para min unha fortuna que este, do berciano Juan Carlos Mestre -un dos máis recoñecidos poetas en lingua castelá na actualidade- non quedase involuntariamente arrombado no esquezo pois entendo que supón unha achega substantiva á nosa narrativa. Unha das razóns é ese espírito de irmandade cos esquecidos que latexa nestas páxinas e que alimenta os chanzos dunha viaxe literaria cun destino que talvez sexa o de tributar un recoñecemento á lingua familiar do autor e, por extensión, ao que esta abraza e simboliza tanto no territorio da Galicia estremeira como na psicoxeografía das identidades íntimas do autor. É substantiva tamén porque, como non  pensar co libro nas mans, nas achegas que construíron a literatura de noso ao abeiro das escritas do Padre Martín Sarmiento, de Fernández Morales ou de González-Alegre, entre outros.

Mais, por se fose pouco, o libro de Mestre -pouco convencional: prosa poética ou poesía narrativa, tanto ten-  móvese por ese terreo narrativo que impregna dun lirismo consubstancial á prosa que se exhibe, que por veces golpea e desasosega, acaroada ás veces a certos relampos surrealistas como tivo a vida sempre, como ten a vida hoxe en día.

Mestre orienta o que escribe cara ao compromiso pactado coa memoria, operativo sempre para recuperar poderosamente figuras, sucedidos, percepcións que poboaron a súa infancia e faino concienciudamente alleo ás nostalxias. Neste proceso non cumpre un papel menor a reflexión sobre o a propia escrita, sobre a creación literaria establecendo un diálogo incesante coa literatura de todos os tempos, coa boca da terra dos desherdados que nos aprendeu Manuel Rivas. Nun fragmento final dunha das historias deste libro dise que “escribir é chorar por escrito, sinxelamente, como golpea o vento o letreiro do albergue”. 200 gramos de patacas tristes camiña, talvez, por estes vieiros: unha regalía.

Esta recensión publicouse na sección “Ex umbra in solem”, do suplemento Fugas, de La Vzo de Galicia, o 10 de abril de 2020.