Cuestionario Proust: Amador Castro Moure

EuFicoNaCasa

Amador Castro Moure

 1.– Principal trazo do seu carácter?

– A miña nai sempre me dicía «é que non tes carácter ningún», no sentido de que non tiña malicia. Non sei se iso responde a pregunta. A inxenuidade?

2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?

– A coherencia.

3.– Que agarda das súas amizades?

– Unha cervexa. Ou dúas.

4.– A súa principal eiva?

– A inconstancia.

5.–  A súa ocupación favorita?

– Cociñar.

6.–  O seu ideal de felicidade?

Partillar, coa miña querida, unhas croquetas de luras na súa tinta á beira do mar.

7.– Cal sería a súa maior desgraza?

– Que un fillo meu marchase antes ca min.

8.– Que lle gustaría ser?

– Escritor. Xa de moi neno o dicía cando me facían esa mesma pregunta. A alternativa era ser piloto de fórmula un.

9.– En que país desexaría vivir?

Nunha Galiza ecolóxica e sen complexos.

10.– A súa cor favorita?

– A ausencia de cor.

11.– A flor que máis lle gusta?

– As orquídeas. Tan suxestivas. Tan diversas.

12.– O paxaro que prefire?

– O moucho.

13.– A súa devoción na prosa?

– Boris Vian.

14.– E na poesía?

– Bukowski.

15.- Un libro?

El túnel.

16.– Un heroe de ficción?

Lee Anderson.

17.– Unha heroína?

– Pippi Längstrump.

18.– A súa música favorita?

Coa idade voume apazugando. Gozo con música clásica e melódica do século pasado, coma Pixies, dEus, NiN, The Prodigy… Tamén rap en pequenas doses: Wöyza, Ezetaerre, Glitchgirl (que á parte do rap, sería tamén o nexo galego cos Prodigy)…  Escoito case de todo (menos Jazz).

19.– Na pintura?

– Hieronymus Bosch, Castelao, H. R. Giger, Anxo Baranga, William Turner…

20.–  Un heroe ou heroína na vida real?

– O meu pai e a miña nai. Dúas vidas verdadeiramente heroicas.

21.– O seu nome favorito?

– Gemma.

22.– Que hábito alleo non soporta?

– Non soporto ás persoas que adoitan falar sempre de cartos, viven para os cartos e nunca teñen cartos abondo.

23.– O que máis odia?

– A Mentira (con maiúsculas).

24.– A figura histórica que máis despreza?

– Calquera Borbón.

25.– Un feito militar que admire?

– A revolución do pobo kurdo en Rojava, a súa loita en solitario contra o mundo.

26.– Que don natural lle gustaría ter?

– Cos que teño chégame. Hai que repartir.

27.– De que maneira lle gustaría morrer?

– Sen dor e consciente.

28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?

– Calmo.

29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?

Ser indulxente presuporía que estou nunha posición moral superior. Procuro non xulgar (o que non é sempre doado).

30.– Un lema na súa vida?

– Cume, bibe e non te aquiloutres.