Cuestionario Proust: Xina Vega

image002

Xina Vega

1.– Principal trazo do seu  carácter?

– Esta é unha das preguntas máis difíciles que existen porque unha non se dá visto a si mesma. O de coñecerse de verdade parece máis un propósito que algo que de verdade se poida atinxir, pero vaia, cando me poño a pensarme imaxino que son unha branda que vai de dura ou unha dura que vai de branda, non cho sei…

2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?

-A valentía ou, o que vén ser para min o mesmo, a honestidade.

3.– Que agarda das súas amizades?

-Lealdade e verdade. Con que se permitan ser elas sen demasiados filtros e non busquen conscientemente danar a outros xa son moi feliz ao seu carón.

4.– A súa principal eiva?

-A pregunta 4 está relacionada coa 1, e volvo pensar en que non teño nin idea. Postos a contestar, respondería tamén o mesmo.

5.–  A súa ocupación favorita?

-Creo que ler e escribir é un regalo, podería facelo todo o tempo, co descanso, iso si, dunhas cervexas coa xente que quero.

6.–  O seu ideal de felicidade?

-Non sentir que teño que defenderme, que as cousas poden facerse doutro xeito, que debería ser doutra maneira. Ás veces todo está ben, todo flúe no presente. Desarmarse e percibir a beleza é felicidade e pode suceder en calquera momento.

7.– Cal sería a súa maior desgraza?

-Son nai, a morte dun dos meus fillos éme inconcibible.

8.– Que lle gustaría ser?

-Sempre quixen ser reporteira de guerra, aínda quero, pero xa non vai ser, claro. Mágoa.

9.– En que país desexaría vivir?

-Creo que en calquera. É moito máis importante para min o “como” que o “onde”.

10.– A súa cor favorita?

-O vermello en toda a súa gama, con especial predilección polo ton do sangue ou do viño.

11.– A flor que máis lle gusta?

-As calas e as camelias, teñen algo carnosamente rotundo que me fascina.

12.– O paxaro que prefire?

-O paporroibo con ese peito rubio e a cabeciña verde oliva.

13.– A súa devoción na prosa?

-Cando era adolescente morría por Kafka, tamén por Ferrín. Máis adiante Cunqueiro e Beckett foron os meus deuses, agora estaría entre Antoine Volodine, Elfried Jelineck e Angélica Lidell.

14.– E na poesía?

-Sempre volvo a Alejandra Pizarnik e a García Lorca e a Luís Pimentel.

15.-Un libro?

Se o vello Sinbad volvese ás illas.

16.– Un heroe de ficción?

-O vello e derrotado Sinbad.

17.– Unha heroína?

-A Georgina d´Os cinco de Enid Blyton.

18.– A súa música favorita?

-As Variacións Goldberg de Bach,  calquera dos albums dos The Smiths, ou un rap de Ayax y Prok.

19.– Na pintura?

-Lucien Freud, Giorgio de Chirico, Marcel Duchamp, Maruja Mallo.

20.–  Un heroe ou heroína na vida real?

-Fun alumna de Claudio Guillén e de Ángel Crespo e aínda me conmove recordalos. A xeración do exilio que viviu nun país fantasma e aínda así creou para o país real e que acabou volvendo e recibindo un trato mesquiño dos protagonistas da Transición. Malia levar tantas feridas nas súas vidas eran tan luminosos!!

21.– O seu nome favorito?

-Guiomar.

22.– Que hábito alleo non soporta?

-A violencia, a seguridade nun mesmo, a prepotencia.

23.– O que máis odia?

-Odio a aqueles que senten pracer humillando.

24.– A figura histórica que máis despreza?

-Franco paréceme unha das figuras máis sinistras e mesquiñas que poidan concibirse.

25.– Un feito militar que admire?

-A revolución dos cravos. Aqueles capitáns con flores na escopeta…

26.– Que don natural lle gustaría ter?

-Gustaríame tanto bailar ben!!

27.– De que maneira lle gustaría morrer?

-Con consciencia e sen medo.

28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?

-Alegremente ansioso.

29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?

-Creo que todos os que só prexudican a un mesmo.

30.– Un lema na súa vida?

-“Ten coidado, esfórzate en ser feliz”.

 

2 Comments

  1. Non coñecía o cuestionario. Están ben as preguntas e tamén por suposto as respostas de Rexina ou, doutra maneira, rexina mesma, branda e dura, coma unha camelia.
    Dscordo con esa estima polos heroes de exilio, os Guillén, pai e fillo, e os salinas, tamén pai e fillo.

Os comentarios están pechados.