Cuestionario Proust: Luz Darriba

LuzDarriba_fotoAlfredoBongiannired

Luz Darriba (fotos cortesía de Alfredo Bongianni)

 1.– Principal trazo do seu  carácter?

– A curiosidade por todo, a necesidade incansábel de aprender; podería dicirse que é unha obsesión. Son unha obsesiva.

2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?

– Cando era nova tiña unha atracción enorme pola intelixencia das persoas. Logo souben que hai moitos tipos de intelixencias. Coa madureza aprendín que a bondade é o máis atractivo dxs seres humanxs. E a máis linda forma da intelixencia.

3.– Que agarda das súas amizades?

– Eu son, en boa medida, grazas a elas; as miñas amigas e amigos. Xente boa e xenerosa da que só poder agardar cousas boas. Que vivan moitos anos.

4.– A súa principal eiva?

– Unha soa? Son moi esixente para comigo mesma e para cxs demais. Ademais teño o costume de dicir o que eu creo que é a verdade, neste mundo cheo de hipocrisía, e cando ninguén mo pregunta.

5.–  A súa ocupación favorita?

– Ler. Eu son sobre todas as cousas unha lectora. Miña filla maior lembra que lle dixen sendo ela ben pequena, que a vida era dabondo curta para tanto como había que ler. Son unha adicta á letra impresa.

6.–  O seu ideal de felicidade?

– Nas clases de francés, sendo nena, aprendín un poema que dicía: Le bonheur est dans le pré / Cours-y vite, cours-y vite / Le bonheur est dans le pré / cours-y vite. Il va filer / Si tu veux le rattraper/, cours-y vite, cours-y vite / Si tu veux le rattraper / cours-y vite. Il va filer. Logo segue; seino de memoria. O que vén dicir é que a felicidade é algo inalcanzábel. Cando estas a piques de collela vaise. Lémbroo porque despois de tanta vida entendín a sabedoría do poema. A felicidade é tan efémera que apenas nos decatamos cando somos felices;  co percorrer da vida volvemos unha e outra vez a eses momentos. Estou a falar da felicidade suprema, cando sentes que voas por riba do mundo. Eses estados, para min, están relacionados coas primeiras etapas do namoramento. Logo, por sorte, hai moitas sensacións satisfactorias e duradeiras. Non esa felicidade tola e salvaxe da comuñón plena con outro ser humano, mais estados de enerxía positiva. As conversas e os xogos coas fillas, coas netas, coas amigas, o compartiren proxectos con xente nutritiva, os momentos da creación. A vida ten moitos, por sorte, substitutos da felicidade: a tranquilidade, a harmonía, a conciencia limpa e tranquila. A vida é moito.

 7.– Cal sería a súa maior desgraza?

– Que lles pasase algo grave ás miñas fillas ou ás miñas netas. Algo no que non podo nin pensar.

8.– Que lle gustaría ser?

– Eu mesma, o que fixen na vida, tendo a posibilidade de ir arranxando as cousas mal feitas (moitas…).

9.– En que país desexaría vivir?

– Teño varias matrias. En todas elas síntome na casa. Galiza é unha delas. Gustaríame ter a posibilidade de estar un tempo en cada matria, porque unhas non se comprenden sen as outras.

10.– A súa cor favorita?

– O vermello do sangue. E todas as variedades do vermello. En pintura o vermello de cadmio que levou á gloria a paleta de Matisse.

11.– A flor que máis lle gusta?

Al este y al oeste / llueve y lloverá / una flor y otra flor celeste / del jacarandá (María Elena Walsh). As flores de color entre lila e celeste dos xacarandás que tapizan as rúas dos parques, na primavera do hemisferio sur, e as enchen de arume, como o seu nome en guaraní o indica.

12.– O paxaro que prefire?

– O gorrión ou pardal. Libre e máis listo ca fame. Identificábame, de moi nova, coa canción de Serrat Como un gorrión.

13.– A súa devoción na prosa?

– Teño moitas. Son fan de lonxe de Marguerite Yourcenar, recordo anacos exactos de Memorias de Adriano, mais tamén adoro case que todo o que escribiu Julio Cortázar. Nos últimos tempos incorporei moitas narradoras novas ás miñas devocións, e por poñer só unha, en castelán, a arxentina Gabriela Cabezón Cámara. Un antes e un despois na narrativa contemporánea, ao meu ver. En galego: Susana Sánchez Aríns (Seique), Eli Ríos (Luns),  Emma Pedreira (Besta do seu sangue), fascínanme. Pero hai moitas, por sorte, moitas máis.

14.– E na poesía?

– Outra elección difícil. Vou dicir dúas, sabendo que poderían ser ducias (tamén por sorte): a arxentina Alejandra Pizarnik e a uruguaia Marossa di Giorgio. Da casa gústanme todas. Sen excepcións.

15.- Un libro?

– Pois de novo Memorias de Adriano, cara atrás, e As aventuras da China Iron, de Gabriela Cabezón Cámara hoxe. En galego os que mencionei máis arriba, mais poderían ser tantos…

16.– Un heroe de ficción?

– Robin dos bosques.

17.– Unha heroína?

– Dúas. Sherezade e a fada Morgana.

18.– A súa música favorita?

– Sen música non hai vida. É o mellor invento da raza humana. Gústame case todo. O case nada que non soporto é o reggaeton e cousas afíns.  Por afinar eu mesma, moita da música dos 70, e se teño que decidir, quedo coa Raíña (Queen). En outros estados anímicos podo escoitar horas a Jorge Drexler, Franco Battiato, Loreena Mckennitt, Nina Simone, Elis Regina, Guadi Galego… E cando me quero concentrar poño ao señor Xoán Sebastián (Bach).

 19.– Na pintura?

– Variei moitos os gustos co paso do tempo. Agora, se de pintura falamos, diría que Remedios Varo, Leonora Carrington. Maruja Mallo. Máis contemporáneas: Diana Dowek, Marcia Schvartz (arxentinas). Se falamos das artes visuais contemporáneas, a artista (artistas homes e mulleres) máis novidosa, completa e extraordinaria do século XX é Louise Bourgois, para min. Da casa, gusto moito do traballo de Mónica Alonso.

20.–  Un heroe ou heroína na vida real?

– Miña nai, sen dúbida. Entre milleiros de cousas, meteunos nun barco de contrabando as tres fillas (e ela) para liscarmos da Galicia en branco e negro do 63. E tamén non podo deixar de nomear as Nais e as Avoas de Praza de Maio. Un exemplo de bravura e loita para o mundo.

21.– O seu nome favorito?

– Clara. Queda feo que poña Luz, non?

22.– Que hábito alleo non soporta?

– Teño pouca paciencia e non son nada tolerante. Por poñer un: a impuntualidade. Fala dunha persoa a que non lle importa ren do tempo e os intereses dxs demais.

23.– O que máis odia?

– Non se me dá ben odiar, son preguiceira… Mais se teño que subliñar algo direi a traizón (que un traidor puede más que unos cuantos/ que esos cuantos no lo olviden facilmente, León Gieco). E xa máis especificamente a traizón aos ideais, á clase social de pertenza, á amizade, a confianza. Non hai nada peor que un/ha traidxr. É un ser desprezábel porque dinamita algo que custa tanto gañar: a confianza.

24.– A figura histórica que máis despreza?

– Tamén teño unha ringleira delas. Por poñer dous de mostra direi Franco e Videla. Son nomes que non necesitan aclaracións.

25.– Un feito militar que admire?

– O militar non me provoca ningunha admiración, mais non podo deixar de nomear uns militares que fixeron honra do seu uniforme: os capitáns de Abril. E o feito, claro, A revolución dos cravos.

26.– Que don natural lle gustaría ter?

– Moitos… por poñer un a paciencia e a tolerancia con segundo que cousas. Cheguei tarde ao reparto das dúas.

27. – De que maneira lle gustaría morrer?

– O máis lonxe posíbel deste día, consciente, rodeada da miña tribo, na miña casa e cun concerto de música dos 70. Que soara, por exemplo, como banda sonora final Somebody to love… Por pedir que non quede.

28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?

– A alegría melancólica. Ou a melancolía alegre. Si, xa sei que son contraditorios…

29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?

– Os que deveñen da propia torpeza, os que non danan xs demais.

30.– Un lema na súa vida?

– Navegar é necesario, vivir non é necesario. Dende que escoitei o tema de Caetano Veloso, que fixo tras saír do cárcere no 69, amei a canción e a música brasileira. Eu tiña 15 anos. Mais xa era antes fan da frase que ocupaba cabeceiras no histórico Semanario Marcha, de Montevideo. Toda unha vida…