Memoria de Luz Pozo

luz-pozoDicíalle onte a Olivia Rodríguez, unha das persoas que máis sabe de Luz Pozo por pertencer ao seu entorno familiar, que apenas tivera trato con ela -se cadra cinco ou seis encontros fortuítos- pero si certa relación epistolar derivada dalgúns proxectos do pasado. Con todo, sempre foi unha persoa que admirei e por moitas razóns. Con Ana Abelenda, esta mesma mañá, confluïamos na percepción de que Luz era un ser humano excepcional, dotado dunha sorte dunha rara auréola invisible, que irradiaba vitalidade e elegancia.

Luz Pozo foi e, dalgún xeito, aínda é para min, todo aquilo que se encerra no seu libro Códice Calixtino. As lecturas obrigatorias de COU permitíronme, a min e a outras moitas persoas, descubrir unha voz da que era xa difícil desentenderse. Daquel tempo ao de rosa tántrica ou ao de Pazo de Tor pasaron moitas cousas  e moitosm libros pero a súa sempre foi unha voz fiel ás súas esencias: segue dicíndonos cousas, apreixando a beleza; cousas vertebradas en poemas ou ensaios, todos eles tan luminosos como a súa poesía e o seu nome. Este é un dos seus legados. Até sempre, Luz!