Través do trebón, de Vicente Araguas

Cuberta Través do Trebón V. AraugasVicente Araguas

Través do trebón

Belagua, Vigo, 160 páxinas, 16 €, 2020

 

 

Familiarizado coa prosa de Vicente Araguas, condensada en tres libros para min de feliz recordación como foron Agora xa foi (2000), A canción do verán (2001) ou os relatos Xuvia-Neda (2010), non sorprende, en boa parte, este Través do trebón pois aquí seguen a transitarse, afortunadamente, camiños que conducen a esa encrucillada en que sitúa á mantenta a quen se achegue ás súas propostas, isto é, esa confluencia medida entre ficción e memoria, neste caso de índole persoal e familiar -conxecturo-, histórica e territorial a un tempo.

Comezo por isto último pois réndeselle aquí un tributo a ese trasunto de Ferrol que o autor denomina Asteleiro, deseñado ao meu ver con transparencia e trazo firme, xa non só no que atinxe ao deseño urbano da cidade, á súa idiosincrasia particular, senón tamén a personaxes que representan con verosimilitude os segmentos poboacionais que habitan a cidade naquel verán do ano 1936. A isto axuda, non pouco, unha acaída ambientación sostida con especial atención, por exemplo, na música que alimenta este texto e nesa textura composta por ulidos, sabores e percepcións sensitivas, mesmo tamén nese rexistro lingüístico ferrolán tan ben reflectido.

Velaquí, ao tempo, unha novela histórica, de acción e, dalgún xeito, iniciática e de formación a través do personaxe de Vitolo, a piques de entrar na universidade e cuxa ollada será a que nos posibilite irmos percorrendo ese universo particular que é o do tempo que vive marcado tan ferozmente polo seu esgazado contorno familiar e polo ruído de sabres e o golpe de estado que vive, en carne propia, o tenente de navío Marcelo Glaría.

É este un paseo, tamén, polo mundo das ideas, polas claves que desvelan “as maneiras severas”, por odios e xenreiras irreconciliables que enchoupan, aos poucos, o día a día das xentes. É, en suma, unha reflexión, conmovedora en tantas ocasións, pola “escura beleza que produce a derrota”.

 

Esta recensión publicouse o 1 de maio de 2020, na sección “Ex umbra in solem”, do suplemento Fugas de La Voz de Galicia.