Héctor Cajaraville
Ricardo Carvalho Calero. A pegada do compromiso (ilustracións de Fino Lorenzo)
Xerais, Vigo, 104 páxinas, 12,50 €, 2020
Tras a publicación dun libro de intención divulgativa sobre Antón Fraguas, protagonista do Día das Letras o ano pasado, Cajaraville volve transitar por estes camiños e repara, nesta ocasión, na figura de Carvalho Calero.
O libro, inspirado na vontade de espallar as claves biográficas e literarias do escritor ferrolán para un lectorado máis novo, aséntase nun percorrido rigoroso, documentado e, sobre todo, accesible, para abrazar con efectividade e garantías o máis esencial do autor de Reticências.
A iniciativa de incluír sete pequenas pezas teatrais, que finalizan sete capítulos deste libro, cómpre entendela, por un lado como un tributo á actividade teatral do autor e, por outro, como unha opción orixinal para achegarse, a través destes actos, a algúns dos momentos claves da súa biografía: breves fragmentos dramáticos de doada teatralización nas aulas.
Non quero esquecer tampouco a existencia dunha útil ficha de lectura para poñer en práctica nas aulas actividades inspiradas no traballo con este libro que, se non se pode facer este curso escolar pola covid-19, sempre haberá opción -ou iso agardo- de poñelas en práctica en datas vindeiras.