Conversas con Ricardo Carballo Calero, de Carmen Blanco (semana Carvalho, III)

Conversas-con-Ricardo-Carballo-Calero-1Carmen Blanco

Conversas con Ricardo Carballo Calero

Galaxia, Vigo, 308 páxinas, 22 €, 2020

 

Gustoume a iniciativa da editorial Galaxia de acometer a reedición dun libro clave na divulgación do legado de Ricardo Carvalho Calero e no coñecemento tamén da súa dimensión cultural e humana.

Imposible, ao enfrontarse con esta edición, non evocar a experiencia lectora persoal, que non crítica, e a impronta que deixou en min ao pouco de poñerse en circulación en xaneiro de 1989. Probablemente impulsado polo feito de cruzarme con certa frecuencia con Carvalho Calero nas aulas da vella Facultade de Filoloxía da Praza de Mazarelos, onde tiña despacho no cuarto andar, supuxo unha necesidade acudir ás súas páxinas para que se revelase desde os primeiros capítulos a súa importancia na cultura galega do século XX, como así foi. Lido con avidez en poucas xornadas, as horas de conversa que Carmen Blanco realizara co entrevistado entre 1983 e 1984 fixeron moito por descubrir, probablemente para toda unha xeración, unha figura de referencia que pouco aparecía nos manuais historiográficos de literatura daquela altura.

Este volume corrixe, así pois, grallas e actualiza o apéndice, tal e como sinala nun limiar ad hoc para esta edición a propia Carmen Blanco, alén de se enriquecer cunha elocuente e inédita reportaxe gráfica de Eduardo Ochoa, realizada en Lugo no ano 1986.

Un libro fundamental, así pois, no universo do profesor ferrolán que ninguén debe obviar para mellor coñecer a súa biografía, mais tamén porque aquí se revelan os seus pareceres arredor da política, as súas opinións sobre a poesía, a crítica literaria, a lingüística, a narrativa ou o teatro. A carón doutros proxectos semellantes como foron as Conversas en Compostela con Carvalho Calero (de Miguel Anxo Fernán-Vello e Francisco Pillado) e do título Voz e siléncio. Entrevista con Ricardo Carvalho Calero (de Francisco Salinas Portugal,  hai pouco reeditado en Laiovento) este constitúe un libro necesario e, claro é, de obrigada lectura ou relectura.