José Luís Rodríguez, nos trilhos da língua

capa_jlElias Torres (entrevistador)

José Luís Rodríguez, nos trilhos da língua

Através Editora, 202 páxinas, 13 €, 2020

 

Sería outubro de 1988 e na antiga Facultade de Filoloxía de Mazarelos máis dun cento de persoas agardabamos a primeira clase de lingua portuguesa a cargo dun profesor chamado José Luís Rodríguez. Cando comezou a falar naturalmente en portugués, e sen subir ao estrado para procurar a proximidade, prexuízos que agora me parecen inintelixibles provocaron certa hilaridade que o profesor atallou non sei con que argumento mais si con afabilidade e rotundidade. Tal foi así que durante dous cursos aprendemos a amar a lingua portuguesa e fixo dela unha taleiga que sempre viaxa connosco.

O profesor xubilouse e os seus amigos e compañeiros homenaxeárono con este libro de entrevistas guiado por Elías Torres. Nel apélase á súa fértil memoria e engádese un corpus apreciable de fotografías e documentos. Con naturalidade, viáxase pola súa biografía máis persoal mais salientan motivos recorrentes que, dalgún xeito, se entretecen co seu percorrido profesional como é o reintegracionismo, que ocupa un bo número de páxinas do volume, alén dos aspectos relacionados coa súa formación académica e as vicisitudes dos seus longos anos de docencia universitaria.

A conversa non obvia os conflitos experimentados e fala con liberdade de persoas que tratou como Constantino García, Guerra da Cal ou Pilar Vázquez Cuesta. Con todo, gozan de especial relevancia as palabras que dedica a dúas persoas que o marcaron profundamente como foron Manuel Rodrigues Lapa e, sobre todo, Ricardo Carvalho Calero, a quen apreciou como un mestre e de quen fai responsable de botar a andar a historiografía literaria galega e a crítica científica de tipo univesitario.

En marzo de 1989 José Luís Rodríguez porfiou para que, sendo estudante, visitase o despacho do cuarto andar da Facultade e coñecese a Carvalho Calero. Foi aquela unha conversa curta mais desas que se lembran sempre. Nunca llo agradecín mais aquí fica dito.

 

Esta recensión publicouse na sección “Ex umbra in solem” do suplemento Fugas de La Voz de Galicia, o 15 de maio de 2020.