Por que te quero, de Baldo Ramos

porque-te-queroBaldo Ramos

Por que te quero (ilustracións de Anxo Rodríguez)

Galaxia, Vigo, 100 páxinas, 10,80 €, 2020

 

Hai tempo que quería escribir unhas liñas sobre este último libro de Baldo Ramos. Circunstancias, sobre todo laborais, fixeron que fose quedando arrombado pero hoxe, por fin, vén ao Caderno da crítica e chega, por suposto, con todo o merecemento.

Teño para min que Porque te quero é un volume inusual na traxectoria literaria do autor que sigo con devoción desde hai anos porque é o primeiro que o autor celanovés ofrece para un público infantil. Inusual, tamén, porque os poemas nacen dunha interacción creativa entre Ramos, por un lado, e mais Aldara e Mateo, os seus dous fillos. Esa interacción inspírase ou xérase nunha dinámica de filiación artística que vai do debuxo ou da ilustración á palabra e, desta última, á poesía.

Velaquí, así pois, un texto marcado por unha actitude lúdica, libérrima e próxima, en tantas ocasións, ao non sense. Unha poesía gobernada, é doado sentilo, polo amor filial -un achado o da poesía reversible pois contaxia tamén a intención que repousa no libro desde o título- e por entender a escrita conxunta como unha maneira “de agradecer que nos queiran”, tal e como se recolle na composición final do libro titulada “Receita para escribir poemas irracionais”: un estupendo convite para exercitar a creación en todas as idades, para gozar da poesía desde o cotián, desde os afectos, desde a palabra. Non é pouco.